Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP manifesta que “a tan só 24 horas da toma de posesión, é unha mágoa que só saibamos o que o presidente non quere facer”

19, xullo, 2019. O Grupo Provincial do PP lamenta “a pouca altura política” do actual presidente da Deputación, pois “a tan só 24 horas da súa toma de posesión, é unha mágoa que só saibamos o que non quere facer”. Para os populares, isto evidencia, “que encabeza un equipo sen proxecto de provincia”.

 

Proba delo, é que o dirixente socialista “aínda non foi quen de explicar o contido do pacto co BNG; cuestión que nos parece unha falta de respecto aos lucenses, xa que, cando un accede a un posto coma este, o mínimo é dar conta dos proxectos que pretende levar a cabo”. Neste caso, matizan, “non é así”. “Sabemos que non quere facer máis residencias, que quere quitarlle competencias á Deputación… Máis que construír, parece que quere destruír… Nin que quixera facer un ERE no funcionamento da institución”, ironizan.

 

“As residencias, en perigo”

Para os populares, o feito de que o presidente rexeite executar novos centros da terceira idade, “fai saltar todas as alarmas”. “O que constatamos é que estes están en serio perigo hoxe máis ca nunca”, así como os postos de traballo que foran creados para traballar neles. Por este motivo, consideran que o titular provincial debe explicar publicamente a todos os veciños que pasa cos anuncios realizado polo seu predecesor Darío Campos antes das eleccións, e que incluían a construción de novas residencias nos seguintes municipios:

 

  • Cervantes: o 15 de maio de 2019, o alcalde de A Pontenova asinou co homólogo deste Concello o convenio de execución.

 

  • Un mes antes, o 12 de abril, o mesmo rexedor deu a coñecer que se aceptaron as parcelas para as de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Portomarín.

 

  • Ourol: o 5 de maio, o Pleno ordinario local aprobou por unanimidade a desafección do edificio do antigo colexio para destinalo a uso residencial da terceira idade e centro de día. O 6 de xuño o rexedor local asinou o convenio coa Deputación para facer realidade esta demanda veciñal.

 

  • Pantón: en novembro de 2018, Campos anuncia unha partida de medio millón de euros nos Orzamentos de 2019 para a execución da residencia nesta localidade.

 

  • A Pontenova: en xuño de 2018, a Deputación aprobou en Xunta de Goberno a adquisición dos terreos nos que se prevé a construción do xeriátrico.

 

“Desacredita ao anteriores presidentes do seu Partido”

Os deputados do PP manifestan a súa sorpresa por esta decisión, pois a construción destes centros foi un dos “anuncios estrela do besteirismo, e que, en consecuencia, decidiu continuar Campos”. Concretamente, en decembro de 2010, o Consello de Administración de SUPLUSA aprobou esta iniciativa.

 

“Se a Deputación fixo residencias foi porque o PSOE quixo. Ou é que ao Sr. Tomé se lle olvida que foi o seu compañeiro Besteiro o que decidiu encargar a SUPLUSA o desenvolvemento dos proxectos e asinar convenios cos respectivos alcaldes?”, preguntan os populares.

 

“Claramente esta desacreditando a Besteiro e a Campos. É certo, que ningún destes cumpriu a palabra dada respecto da súa posta en marcha, pero o que a ninguén se lle escapa é que se estes centros non están en funcionamento é por culpa da xestión do PSOE”. Refírense a que xa o expresidente Besteiro falaba de iniciar as obras a principios de 2011; “unha previsión que xamais cumpriu”, así como á polémica xurdida no último mandato, e que incluíu cambios de estatutos e na presidencia da Sociedade.

 

“Presidente de xornada reducida”

O integrantes deste Grupo Provincial tamén lle sorprende que Tomé Roca anuncie publicamente que vai estar dous días no Concello e tres na Deputación, pois “estanos dicindo que será un presidente de xornada reducida”. “Será un presidente e un alcalde ausente. Veremos en que resulta”, conclúen.