Partido Popular de Lugo

Daniel Vega pregunta a Fernando Suárez “se os usuarios da residencia ribadense son acompañados ao hospital por persoal coa debida capacitación”

Ribadeo, 16 de xullo de 2019. O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Daniel Vega, cre que é “lamentable” a forma na que está a funcionar a residencia de maiores da localidade sendo de titularidade pública municipal. Despois de coñecer a falta de servizo de gas, secadora e plancha; o popular pregúntalle a Fernando Suárez “se os usuarios e usuarias son acompañadas ás súas visitas ao hospital por persoas coa debida capacitación para desenvolver ese labor”.

 

Vega sinala que “dende o Grupo do PP apreciamos varias accións cuestionables que nos fan dubidar da correcta xestión da residencia de maiores de Ribadeo”.

 

Os populares esixen, polo tanto, explicacións ao equipo de Goberno local do BNG “tan preocupado por abrir as instalacións da residencia antes da celebración das pasadas eleccións municipais e tan pouco preocupado porque a residencia de maiores garantise uns servizos básicos aos seus usuarios e usuarias”. Concretamente, Vega recorda que ante a falta da certificación do gas, “a comida é servida por un servizo de cátering sobre o que o señor Suárez tampouco explicou o procedemento de contratación”. Igualmente, “non funciona a secadora nin a plancha do servizo de lavandería e tamén descoñecemos quen está a realizar ese traballo”, engade.

 

Convocatoria da xunta de portavoces

O Grupo Municipal do PP de Ribadeo pide formalmente a Fernando Suárez, a través do rexistro da solicitude de convocatoria da xunta de portavoces, que atenda de forma urxente á súa petición co obxectivo de que “o Goberno local nos aclare a situación do funcionamento dos distintos servizos da residencia da terceira idade do municipio”.