3, xullo, 2019. José Manuel Yanes Ginzo vén de comunicar á dirección do Partido que quere deixar paso para que outra persoa asuma a presidencia do PP de Trabada. Trátase dunha decisión persoal que xa foi comentada con anterioridade, e coa que o popular pon fin a case dúas décadas como responsable da agrupación local.
Concretamente, Ginzo asumiu a tarefa de dirixir o PP en 2001, cargo que desempeñou ata a actualidade. Agora será unha xestora, tal e como indican os estatutos da formación azul, a que tomará as rendas da agrupación ata que se nomee novo presidente. Os integrantes deste órgano sucesor serán designados proximamente pola dirección provincial.
Neste senso, Elena Candia agradece a Ginzo “tantos anos de traballo e implicación co Partido, sendo un referente no Partido Popular da Mariña”. Proba delo é que o popular foi alcalde durante 24 anos, dende 1991 ata 2015. Tamén foi deputado provincial durante dez anos (lexislatura 2007-2011, lexislatura 2011-2015 durante os anos 2013-2015 e lexislatura 2015-2019).
“Ginzo foi un excelente alcalde e un excelente compañeiro na Deputación, polo que só teño palabras de cariño e de agradecemento hacia el. Agora iniciaremos o proceso para renovar a presidencia, buscando aos mellores para fortalecer o Partido en Trabada e traballar polos intereses dos veciños”, conclúe a popular.
Pola súa banda, Ginzo ponse a disposición da dirección para facilitar o relevo “e axudar no que faga falta”. “A nivel persoal chegou o momento de deixar paso. Fágoo convencido porque toca vivir outra etapa na miña vida. Con todo, seguirei estando aí porque, por riba de todo, son un home de Partido”, afirma.