Partido Popular de Lugo

Os populares do sur da provincia destacan o investimento de máis de 127.000 euros por parte da Xunta para a mellora de 10 colexios da zona

3, xullo, 2019. Os populares poñen en valor o investimento de máis de 127.000 euros na mellora de centros educativos da zona sur da provincia de Lugo por parte da Xunta de Galicia. Dende o Partido Popular destacan “estas achegas adicionais por parte da consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que complementarán as obras xa previstas para executar este verán en relación á mellora da eficiencia enerxética de colexios e institutos de 8 municipios da comarca”.

 

Estas reformas, que contribuirán á mellora, principalmente, da seguridade e accesibilidade de 10 centros educativos tendo en conta as prioridades de cada un, “permitirán a súa posta a punto de cara ao inicio do vindeiro curso 2019-2020 ao seren executadas as obras este verán para non interferir no habitual desenvolvemento do curso escolar”.

 

Os populares da zona sur da provincia lucense agradecen este esforzo inversor que permite “actuar en todos os centros e en todos os concellos ao longo destes anos” atendendo os requirimentos trasladados pola comunidade educativa.

 

Obras concretas

Os colexios do municipio de Chantada veranse beneficiados con máis de 42.000 euros dirixidos á pavimentación de caucho no patio infantil do CEIP Eloísa Rivadulla e ás obras de adaptación de aseos para persoas con diversidade funcional e para as cubertas dos patios das aulas infantís do CEIP Xoán de Requeixo.

A consellería de Educación tamén achega algo máis de 16.300 euros para acometer obras de mellora no CPI Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, máis de de 560 euros para a substitución de equipos de emerxencias no CEIP A Gándara de Monforte e preto de 10.200 euros para a mellora na aula de infantil do CEIP Monte Baliño de Pantón.

 

O CEIP de Quiroga verá substituído o zócalo nas aulas de infantil grazas a unha achega de máis de 7.800 euros e cunha contía similar a Xunta fará posible a reparación do falso teito, a instalacións de luminarias e o cambio da carpintería na zona do distribuidor da planta alta do CEIP de San Clodio (Ribas de Sil).

 

Máis de 21.000 euros achega o departamento de Educación do Goberno galego aos centros do Saviñao para a substitución urxente do depósito de gasóleo C no CPI Dr López Suárez e da carpintería exterior do CEIP Currelos. Á ampliación do comedor e do salón de actos do CEIP Virxe do Carme de Sober a Xunta dirixe 21.500 euros.