28, xuño, 2019. Un total de trece Concellos de A Mariña impulsarán o fomento da igualdade coas axudas que concede a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, e que ascenden a 262.659 euros. Trátase dunha iniciativa “extraordinaria e necesaria” segundo destacan os populares desta zona para “traballar na sensibilización e atallar algo tan importante como é a violencia de xénero”.
Concretamente, as entidades locais da provincia recibirán ao abeiro desta medida case 700.000 euros, dos que o 37,5% son para as da Mariña. Neste senso, os Concellos beneficiados son: Alfoz, O Valadouro, Barreiros, A Pontenova, Trabada, Lourenzá, Riotorto, Burela, Ribadeo, Mondoñedo, Xove, Viveiro e Ourol.
As subvencións, ademais das accións indicadas, tamén están destinadas ao fomento da conciliación e apoio do Centros de Información ás Mulleres (CIM). Son precisamente estes Centros os que reciben unha maior dotación orzamentaria. Nesta comarca, que son os de Burela, Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo, a achega que perciben é de 180.887 euros, e está dirixida a financiar os custos do persoal que traballa nestes centros, en concreto os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.
Dende o PP queren así poñer en valor esta medida que lidera o Executivo Galego, pois “todo o que se faga para a prevención da violencia machista e para garantir a igualdade sempre é necesario e é recibido de bo grado, xa que ten un beneficio directo nas mulleres que o precisan”, conclúen.