Partido Popular de Lugo

O Parlamento demanda que a Xunta realice unha análise completa das oficinas agrarias para adecualas á realidade actual da actividade gandeira

Santiago, 27 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dun acordo entre o Grupo Popular, o Grupo Socialista e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se demanda que a Xunta de Galicia realice neste ano 2019 unha análise completa da situación actual das oficinas agrarias comarcais co obxectivo de levar a cabo antes de que remate a lexislatura unha planificación acorde coa realidade da actividade agrogandeira galega, garantindo que manteñan as súas funcións de dinamización e de asesoramento aos gandeiros e agricultores dotándoas dos medios materiais e humanos necesarios.

 

O deputado popular Daniel Vega considerou necesario “unha reestruturación das oficinas agrarias comarcais de xeito que se adapten aos cambios vividos no rural galego nos últimos tempos, con comarcas que rexistraron un considerable incremento da súa cabana gandeira e da actividade agrícola”.

 

Neste sentido, apuntou que “temos que ter persoal especializado no medio rural que ofreza asesoramento personalizado e de proximidade aos profesionais gandeiros e agrícolas, función que debe recaer directamente nas oficinas agrarias comarcais”.