Partido Popular de Lugo

Daniel Vega destaca “a achega de 120.000 euros por parte da Xunta para a mellora das instalacións do campamento xuvenil da Devesa”

Ribadeo, 7 de xuño de 2019. Daniel Vega sinala que “a Xunta achega 120.000 euros para a mellora do campamento xuvenil da Devesa que permitirán realizar obras de renovación dos elementos de fontanería”. O popular sinala que “isto demostra o compromiso do Goberno galego coa mellora das instalacións de titularidade pública e tamén o compromiso con Ribadeo”.

 

A Xunta dá así resposta ás xestións que están a realizar os populares de Ribadeo coma, por exemplo, a proposta de “apertura das portas deste campamento a tódalas entidades deportivas, culturais e asociacións de veciños”. Así, a partir de agora aquelas que poidan estar interesadas poden facer uso destas marabillosas instalacións para desenvolver as súas actividades”, indicou Vega que visitou o complexo acompañado do coordinador de deportes do PP de Ribadeo, Tito Suárez.

 

O popular subliña que “esta é outra mostra máis da colaboración institucional que tanto esiximos a tódalas administracións. É un compromiso de traballo como o é seguir investindo en Ribadeo”.

 

Colaboración coa Federación Galega de Rugby

Recentemente, a Xunta vén de autorizar á Federación Galega de Rugby a utilización das instalacións do campamento xuvenil da Devesa para a celebración das concentracións das diferentes seleccións galegas. Deste xeito, o colectivo poderá ocupar este espazo de venres a domingo, entre setembro deste ano e xuño do 2020, despois de ter solicitado á Xunta o uso dos pavillóns de liteiras e do comedor para desenvolver as actuacións nas que non concorren con outras actividades propias do albergue.