Partido Popular de Lugo

Regueiro considera “un insulto aos fonsagradinos” que os socialistas da Deputación, entre os que está o propio alcalde, “torpedeen” a concesión do PIA para abrir a residencia

24, maio, 2019. O candidato á alcaldía de A Fonsagrada, José Regueiro, considera “un insulto aos fonsagradinos” que os socialistas da Deputación, entre os que está o propio alcalde, impidan que, dende o pasado mes de abril, os servizos da Xunta concerten a visita a residencia que o organismo provincial construíu neste municipio, como paso previo e necesario para que Política Social outorgue o permiso de inicio de actividade (PIA) que permitiría a posta en marca deste novo centro.

 

Para o alcaldable esta circunstancia “é un exemplo máis do esperpento co que goberna o PSOE nas institucións”. E é que esta infraestrutura, que está nestes momentos en obras, xa fora inaugurada en 2015 polo ex presidente da Deputación e o propio alcalde pero, a día de hoxe, aínda non abriu as súas portas. Tal é así que indica, “se non tiveron antes os permisos foi porque os deixaron caducar e non foron quen de emendar a documentación”.

 

A residencia foi así “o recurso dos socialistas para gañar as eleccións en 2015”. Mobilizaron o habido e por haber prometendo poñela en servizo xa e resulta que xa pasaron 4 anos e aínda non a abriron. Agora volven coas obras e coa mesma cantinela. Non sei como se pode ter tan pouca dignidade política. O alcalde debe de pensar que os veciños somos tontos. Dende logo, se eu estivese no seu lugar, caeríaseme a carga de vergoña”, remarca.

 

Deste xeito, dende o PP manifestan que “queda claro que os únicos responsables de que en A Fonsagrada non teñamos aínda en servizo a prometida residencia é por culpa da xestión dos socialistas que, como xa estamos acostumados, son especialistas en vender fume e facer ver o que non hai. Veñen a facerse a foto e logo unha vez que pasou o día, pasou a romería… Así non se pode gobernar as institucións”, manifesta Regueiro.

 

Unha boa mostra disto é que foi aínda este mesmo me cando a entidade provincial aprobou a contratación dos aparellos elevadores. Por tanto, subraia Regueiro, “non é o PP o que quere impedir a súa apertura, aínda que queren facernos responsables, pero o certo é que ata hai dez días non contaban con este servizo imprescindible e básico para o funcionamento dunha residencia deste tipo”.

 

O popular fai especial fincapé na situación da residencia porque a súa construción levou aparellada varios litixios xudiciais de particulares. Algúns xa foron resoltos, pero outros non; o que pode conlevar, engade, “a modificación da súa execución”.

 

Fan agora o que non fixeron en catro anos

Asemade, o cabeza de lista censura que a entidade local “estea a facer estes días por ser eleccións o que non fixeron en catro anos”. O alcaldable popular alude ás máquinas despregadas por todo o municipio para executar obras que, “xa debían de estar realizadas, pero que as demoraron no tempo para facelas coincidir co período electoral e facer un lavado de cara da súa nefasta xestión”.

 

Para o popular a actuación do actual rexedor “non pode ser máis rastreira”, pois “botamos catro anos pisando fochancas e con rúas desfeitas e agora para sacar un beneficio nas urnas despregan todo o arsenal”. Por iso, Regueiro defende que “en política non todo serve”.

 

Por todo elo, insiste Regueiro, “cando a cidadanía te apoia con responsabilidades políticas é para cumprir a palabra dada, non é para estar sentado no sillón da Deputación e logo uns días antes das eleccións intentar facer ver o que non se fixo antes”, insiste.