24, maio, 2019. O Partido Popular das comarcas da Terra Chá e Meira destaca que, grazas ás últimas axudas do Goberno de Feijóo, os Concellos realizarán obras por valor de máis de 1,4 millóns de euros. En total, doce entidades locais son as perceptoras desta inxección económica, así como a Mancomunidade de municipios da Terra Chá.
Unha vez publicadas estas liñas de subvencións -do Fondo de Compensación Ambiental, e de Infraestruturas, Dotacións, Instalacións e Equipamentos para Servizos Municipios-, os candidatos populares gaban a xestión do Executivo autonómico, pois “vén a demostrar o seu compromiso público e notorio coa nosa comarca”.
Deste xeito, Abadín, A Pastoriza, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz, Meira, Outeiro de Rei, Pol, Ribeira de Piquín, Vilalba e Xermade executarán actuacións relacionadas co acondicionamento de accesos a núcleos rurais e espazos ambientais, a tarefas de recuperación ambiental, á mellora dos servizos de abastecemento de auga e residuos sólidos urbanos, ao mantemento das EDAR, instalación e implantación de equipos de control de subministración de auga potable ou á sinalización de rutas BTT, entre outras actuacións.
Dado o esforzo inversor da administración autonómica, os cabezas de lista poñen en valor a importancia de que este domingo “os veciños apoien ao Partido Popular, xa que é a única formación que fai rendibles as administracións, xestionando e facendo útiles os fondos públicos”.