Partido Popular de Lugo

Os populares de Monterroso cren que “o Concello ten que ser gobernado por e para os veciños”

23, maio, 2019. O candidato do PP á alcaldía de Monterroso, Eloy Pérez, defendeu que “o Concello ten que ser gobernado por e para os veciños”. Así o manifestou durante un mitin no que tamén interveu o número 2 da candidatura, Marcos Otero; o senador do PP pola nosa provincia José Manuel Barreiro; e o conselleiro de Medio Rural, José González.

 

O alcaldable popular cre que “debemos fuxir de enfrontamentos inútiles e estériles” e centrarnos en “xestionar a administración municipal con novos proxectos e caras renovadas para que Monterroso avance”.

 

Así mesmo, Pérez avanzou as 23 medidas do programa de goberno do Partido Popular para os vindeiros catro anos entre as que se atopan políticas de cara ao asentamento de empresas a través da rebaixa e bonificacións de impostos municipais ou medidas de apoio ao emprendemento e á actividade no rural. Así mesmo, recollen os populares melloras nas comunicacións e diferentes infraestruturas do municipio ou no eido dos servizos sociais; así coma o apoio á actividade cultural, deportiva, á hostalería e ao comercio, entre outras propostas.

 

De cara ao asentamento de empresas no polígono industrial de Monterroso, os populares teñen previsto establecer bonificacións das taxas das licenzas urbanísticas ou do IAE, entre outras medidas. Así mesmo, avanzan a creación de “bolsas de traballo para persoas con maior dificultade para acceder a un posto de traballo” e o apoio aos emprendedores a través, por exemplo, da posta en marcha dun punto de Atención Continuada ao Emprendedor (PAE).

 

O candidato popular sinalou que “de cara ao fomento da natalidade, estableceremos axudas, estudaremos as posibilidades para ampliar o horario dos almorzos saudables e da ocioteca; ademais de construír un parque infantil cuberto”. E, pensando nos maiores, propoñen a organización de viaxes culturais e avanzan que “loitaremos para ter unha verdadeira residencia da terceira idade que permita atender a tódalas persoas independentemente das súas necesidades”

 

Mellora da limpeza, infraestruturas e comunicacións de Monterroso

A candidatura popular aposta tamén pola mellora de varias infraestruturas coma a da actual traída de augas garantindo a cantidade e calidade da auga, a ampliación da depuradora de augas residuais ou o estudo sobre a rede de alumeado público que permita coñecer a conveniencia de mellorar a súa eficiencia enerxética e colocación de puntos de luz nas zonas onde exista esta carencia. Incluso indicou Pérez que “actuaremos nos núcleos rurais atendendo as demandas de construción de depósitos de auga onde non conten con estas infraestruturas”.

 

Así mesmo, propoñen a ampliación da vía de comunicación entre Monterroso e O Marco para mellorar as comunicacións coa autovía Lugo-Santiago. Igualmente en materia de comunicacións comprométense a desenvolver de forma gradual e continuada un plan de reparación das vías municipais máis deterioradas para proceder posteriormente ao seu aglomerado en quente; así coma a poñer en marcha un plan de actuación sobre camiños e vías rurais que permita mantelos limpos diminuíndo o risco de incendios ou a remodelar o centro da vila para aumentar as prazas de aparcadoiro.

 

Eloy Pérez nomeou a revisión do plan xeral de ordenación urbanística tendo en conta tódalas alegación e modificar aqueles aspectos para que non prexudiquen aos veciños e veciñas con parcelas nos núcleos rurais. Así mesmo, para as construcións vinculadas ás explotacións agrogandeiras, propoñen a revisión das tarifas do IBI e a bonificación do ICIO.

 

Tamén recollen na súa proposta programática a mellora da limpeza no pobo e o fomento da educación ambiental; ademais do acondicionamento de instalacións municipais –coma o complexo deportivo- e a construción de novas instalacións –nova pista de pádel- ou a mellora do campo de Cerdeiriños e da área recreativa da Peneda. Non esquecen tampouco dende o Partido Popular de Monterroso “o apoio ás asociacións culturais e deportivas e á hostalería o comercio local”.

A creación de emprego, prioridade dos populares de Palas de Rei

Os populares tamén celebraron un mitin en Palas de Rei no que participou o alcaldable do PP, Pablo Taboada; xunto ao senador pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro; e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

 

O rexedor e candidato á alcaldía do Partido Popular destacou durante a súa intervención “a creación de máis de 100 postos de traballo no municipio”. Deste xeito, Pablo Taboada aposta pola creación de emprego de cara ao asentamento da poboación e o futuro de Palas de Rei. Concretamente, o popular explicou que o cento de empregos se crearán grazas á terceira fase da ampliación do polígono industrial, a posta en marcha de dúas residencias para a terceira idade –unha municipal e outra de ámbito privado-, a área de servizo da A-54 e a planta de biogás”.