Partido Popular de Lugo

Katherinie Varela aposta polo fomento do emprendemento feminino, medidas para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade e o reforzo do CIM

23, maio, 2019. A candidata do PP á alcaldía de Monforte, Katherinie Varela, aposta polo fomento do emprendemento feminino, a posta en marcha de medidas para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade e o reforzo do Centro de Información á Muller (CIM) de Monforte. Así o trasladou hoxe nunha reunión con mulleres na que tamén participou a secretaria xeral da Igualdade da Xunta, Susana López Abella.

 

Para poder levar a cabo estas propostas, explica, é importante ir da man da Xunta de Galicia e acollerse ás axudas que pon a disposición dos concellos a través da Secretaría Xeral da Igualdade.

 

Fomento do emprendemento feminino

A Secretaría Xeral da Igualdade conta co programa Emega que comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como para ter acceso a servizos específicos de acompañamento, asesoramento e tutorización co obxecto de facilitar a implantación e a consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

 

Medidas para favorecer a conciliación

Desde a Xunta convocan unha orde de axudas e subvencións a entidades locais que destinou 797.065 € neste 2019 para programas de conciliación dos concellos. Hai dous tipos de accións subvencionables:

 

a) Medidas ou programas de conciliación sempre que os seus obxectivos respondan ao fin de fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares e incorporen a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade entre mulleres e homes nos nenos e nenas participantes nestas actuacións.

 

b) Bancos de tempo, coa finalidade de facilitarlles ás persoas empadroadas no correspondente concello a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral, a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes dun contorno dado, cuxa medida é a hora de tempo.

 

Tamén existen axudas para a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo. A convocatoria está destinada a homes, incluíndo tamén familias monoparentais que, pola súa situación, precisan dun apoio específico.

 

A contía que poden percibir as persoas beneficiarias vai dos 1.700 aos 3.700 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada e do número de menores ao seu cargo.

 

Reforzo do CIM

Dende o ano 2009 ata o ano 2018, a Secretaría Xeral da Igualdade subvencionou ao CIM do Concello de Monforte con 460.682,89 euros. Durante o ano 2017 o CIM recibiu 1.571 consultas e atendeu a 173 mulleres. Durante o ano 2018 o CIM recibiu 1.537 consultas e atendeu a 189 mulleres. Este ano levan atendidas a 128 persoas e realizaron 645 consultas.

 

A candidata popular manifesta a importancia de reforzar o servizo que se ofrece desde o centro.