22, maio, 2019. O candidato do PP á alcaldía de Guitiriz, Xosé María Teixido, considera “fundamental contar con infraestruturas que funcionen correctamente e unhas boas dotacións rurais”. Nese senso, “o noso programa electoral da resposta á preocupación que nos teñen trasladado os propios guitiricenses sobre esta materia igual ca noutros eidos”.
Teixido recordou que “o pasado verán vivimos un problema de abastecemento de auga debido á ineficaz xestión por parte do Goberno municipal do PSOE”. Así, de cara á súa solución, os populares propoñen “mellorar as infraestruturas, manter limpos filtros e tubaxes e, sobre todo, o impulso de medidas estruturais que garantan o abastecemento de auga a Guitiriz tano en cantidade como el calidade.
Propostas concretas dirixidas ao rural e á zona urbana
O popular explicou tamén aos veciños e veciñas outras propostas da candidatura do PP en materia de infraestruturas e dotacións para o rural durante un encontro no que participou a conselleira. Teixido nomeou a creación dun plan integral de mantemento de vías a través da mellora do parque municipal de vehículos e unha correcta limpeza das vías; a xestión de subvencións para a rehabilitación de vivendas ou a bonificación das licenzas de obra para pintar fachadas de vivendas “co obxectivo de mellorar a imaxe do municipio”.
O alcaldable do Partido Popular en Guitiriz avanzou, así mesmo, a súa proposta de “bonificar tamén o IBI das naves, alpendres e explotacións agrarias e ofrecer alumeado público gratuíto para os veciños e veciñas cambiando a conexión dos puntos de luz no rural e usando sistemas de aforro enerxético”. Igualmente, “sanearemos a estrutura de puntos limpos e crearemos un Punto Limpo no polígono industrial”, dixo.
Teixido tamén incidiu na necesidade de aprobar o plan urbanístico (PXOM) e citou o desenvolvemento dunha rede de gas natural na zona urbana de Guitiriz e a realización dun estudo de cara á implantación dunha nova rede de telecomunicacións –Internet, telefonía e televisión por cable- para a zona urbana.
A nosa prioridade, os veciños e veciñas
Tendo en conta que “a nosa prioridade sodes os veciños e veciñas”, os populares aseguran que “potenciaremos as relacións entre o Concello e as asociacións e comunidades de montes”; ademais de ofrecer unha solución definitiva aos pasos a nivel sobre a vía do tren de acordo cos veciños e veciñas de Parga”.