Partido Popular de Lugo

Katherinie Varela traslada o compromiso “serio e profundo” coas persoas con discapacidade e necesidades especiais

22, maio, 2019. A candidata do PP á Alcaldía de Monforte, Katherinie Varela, está a manter reunións con asociacións monfortinas que traballan co obxectivo de promover e coordinar a defensa dos dereitos das persoas, tanto maiores como nenos e nenas, con discapacidade ou con necesidades especiais para a súa plena integración na sociedade. A popular trasládalles o seu compromiso “serio e profundo” de traballo para avanzar “na igualdade de oportunidades”.

 

A alcaldable mantivo xa un encontro coas asociacións Ruliños Terras de Lemos e con Agora durante o que escoitou as súas “demandas e recolleu as necesidades que se plantexan para avanzar e para irmos xuntos da man na consecución dun Monforte que mire por todos e por todas”.

 

Katherinie Varela destaca que entre as necesidades primordiais que son “necesarias resolver en Monforte” neste ámbito, atópase a da mellora da accesibilidade, poñéndolle “punto e final a barreiras arquitectónicas existentes tanto nas rúas como en lugares públicos”.

 

A candidata tamén explica que as persoas con discapacidade sofren dificultades de accesibilidade na súa vivenda e incluso encóntranse con problemas para adquirir unha adaptada, que reúna as condicións que garantan a maior autonomía posible.

 

A popular rexeita que o Concello teña esquecidos aos nenos e nenas con necesidades especiais tanto no eido educativo como mesmo no de ocio, xa que “por exemplo, non hai un parque infantil inclusivo e as actividades que se desenvolven dende o Concello non están adaptadas para nenos e nenas con necesidades especiais ou con discapacidade, nin tan sequera reúne estas condicións o campamento de verán”.

 

Polo tanto, Katherinie Varela destaca a “necesidade” de promover iniciativas municipais para avanzar na inclusión das persoas con discapacidade ou con necesidades especiais. O programa electoral inclúe, entre outras medidas, a creación dun departamento específico para promover a integración na economía e sociedade da cidade de nenos e adultos con necesidades especiais e discapacidade. Tamén se comprometen a mellorar os servizos sociais para persoas maiores e persoas con discapacidade como poden ser axudas domésticas ou centros de día e que “se achegue dende o Concello maior información e asesoramento ás familias”.

 

Despreocupación do alcalde

A candidata á alcaldía considera que “non é permisible” que un Concello perda as oportunidades que “nos ofrecen outras administracións para sumar servizos para os nosos veciños e especialmente para os nosos nenos e nenas”. En concreto, a popular lamenta que José Tomé non solicitase as axudas da Xunta de Galicia para a posta en marcha dunha Unidade de Atención Temperá cando se trata “dun servizo fundamental para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade”.

 

Katherinie Varela explica que Monforte podería ter unha unidade propia de atención temperá “e non foi quen de pedir o financiamento para a posta en marcha deste servizo que permitiría previr, identificar e tratar o máis axiña posible as necesidades que poidan presentar os menores, xa que canto antes se actúe máis opcións hai de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos”.

 

A candidata do PP engade que se debe ter en conta que “a Rede Galega de Atención Temperá dá recursos nos ámbitos sanitario, educativo e dos servizos sociais o que permite que os nenos e nenas gañen autonomía xa desde a infancia e gocen dunha maior calidade de vida cando sexan maiores”, precisou.