22, maio, 2019. O candidato á alcaldía de O Incio, Héctor Corujo, acompañado do conselleiro de Medio Rural, José González, e do senador electo, José Manuel Barreiro, explicou este xoves aos veciños, durante o mitin organizado polos populares neste localidade, que o seu programa de goberno está centrado en apoiar o tecido produtivo do municipio, co fin de asentar poboación e xerar novas oportunidades laborais e económicas.
Deste xeito, a actividade agrogandeira ocupa “un lugar destacado nas súas prioridades”, pois, sinala, “é a quen mantén a nosa paisaxe e o entorno”. Tal é así que, engade, “é fácil imaxinar o desastre que pode supor que tanto agricultores coma gandeiros abandonen a súa actividade e o Concello quede a monte”.
Seguno o acaldable, a forma que ten a entidade local de apoiar a este sector, ademais de axudalos nos trámites administrativos que necesiten nas oficinas, é manter os camiños transitables e desbrozados e axudar a abrir as pistas necesarias para poder desenvolver comodamente a súa actividade. “É dicir, o Concello debe ser o responsable de que as infraestruturas públicas que agricultores e gandeiros usan para facer o seu traballo deben estar en perfecto estado”, remarcou.
E é que o problema máis grave que ten hoxe O Incio, igual que todo o interior de Galicia, é a despoboación. “Estamos quedando sen xente. Por iso, apostaremos de forma clara por fixar poboación, apoiando ás persoas que decidan establecer a súa residencia no Incio, sendo titulares da vivenda que ocupen, tanto sexa por compra ou herdanza. Somos conscientes de que establecer a residencia en zonas rurais, sobre todo para familias con nenos pequenos comporta unhas dificultades que non existen si vives nunha cidade ou nunha vila pequena”. Por iso, explicou o popular, estas familias que decidan apostar polo municipio neste senso contarán co respaldo do Concello, en primeiro lugar bonificando ata o máximo posible impostos coma o IBI (contribución) ou IVTM (vehículos) e taxas coma a recollida do lixo ou subministro de auga.
Asemade, a entidade local, en coordinación coa ANPA e o colexio, organizará e financiará as actividades necesarias para reducir no posible as dificultades de conciliación que estas familias teñan polo feito de non vivir nunha vila.
En terceiro lugar, “pero non por eso menos importante”, adiantou que esta candidatura fará unha aposta forte non só por manter senón por mellorar os servizos sanitarios. “Os veciños do Incio temos unha media de idade alta, moitos xubilados, cunhas necesidades de atención sanitaria elevadas. Necesitamos garantizar que o nivel que agora temos non disminuirá. Ademais de non disminuir é a nosa intención que se presten servizos complementarios aos que xa oferta o SERGAS, achegando a atención sanitaria aos veciños para que estos non teñan que desprazarse a Sarria ou Lugo”, afirmou.
Poñer en valor e dar a coñecer O Incio
Para os populares tamén é fundamental poñer en valor e dar a coñecer o municipio. “Estamos aos pés e somos a entrada natural do Courel, que se converteu recentemente no primeiro Xeoparque de Galicia, amparado pola Unesco, cun potencial turístico enorme. Do mesmo xeito, estamos ao lado da Ribeira Sacra, que como sabedes é candidata a ser Patrimonio da Humanidade. Estamos perfectamente situados nunha zona con moitas posibilidades de promoción turística a corto prazo”.
Por este motivo, Héctor Corujo considera que “vai a ser determinante para o noso futuro que sexamos capaces de aproveitar esta situación. O Concello do Incio non se pode permitir seguir coa política de perfil baixo dos últimos oito anos ou veremos como os concellos limítrofes medran mentres nós desaparecemos lentamente. Ademais de estar perfectamente situados é innegable que temos uns valores paisaxísticos e arquitectónicos suficientes como para atraer e consolidar o turismo que a bon seguro terán os nosos veciños. A figura de San Eufrasio, situada a escasos quilómetros do Camiño Francés debe ser posta en valor. Resúltanos inconcebible a nula atención que ten recibido nos últimos oito anos, cando por sí mesma, ten capacidade mais que sobrada para servir de reclamo aos turistas que percorren esta Ruta Xacobea”, concluíu.