Partido Popular de Lugo

Ramiro Moure avoga por un Goberno “próximo e transparente” ao servizo dos veciños e veciñas

21, maio, 2019. O rexedor e candidato do PP á alcaldía de Taboada, Ramiro Moure, avogou por “un Goberno próximo e transparente ao servizo dos veciños e veciñas” durante un mitin celebrado no Centro Cívico e que contou coa participación do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o senador popular José Manuel Barreiro.

 

Moure puxo en valor a xestión económica do Goberno local do PP que logrou que “o Concello teña agora débeda cero” e iso permite “continuar activando todos os recursos a disposición do Concello para prestar servizos aos veciños”. Así, ademais de a sustentabilidade dos servizos públicos esenciais; os populares implantarán no vindeiro mandato “rebaixas no recibo do lixo grazas á recollida selectiva que permitirá facer unha mellor reciclaxe e tamén no IBI para explotacións agrarias en sinal de colaboración co sector”.

 

En relación ao sector primario do municipio, o programa electoral do Partido Popular recolle tamén axudas para a realización de trámites administrativos para aqueles propietarios que queiran xuntar terras.

 

O candidato popular tamén avanza rebaixas nas licenzas de actividade de cara á posta en marcha do polígono industrial como Concello Emprendedor co obxectivo de “crear emprego e instalar novas empresas”. Nese sentido, asegurou durante a súa intervención que “seguiremos apoiando o emprendemento e as empresas que propician o emprego local”; así coma axudando á creación de emprego xuvenil a través dun plan municipal de cara á fixación de poboación.

 

O PP local tamén se compromete a rematar o plan urbanístico (PXOM) e a continuar coa modernización do contorno urbano e das parroquias coas infraestruturas necesarias –alumeados, traídas de auga e saneamento- para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.

 

Deporte e cultura

Tamén explicou o alcaldable popular que “crearemos unha ruta peonil na Medela, potenciaremos as rutas de sendeirismo e as rutas en bicicleta”. Os populares comprométense co deporte e as infraestruturas deportivas a través da potenciación das Escolas Deportivas, o apoio ao tecido deportivo municipal coa creación de novas infraestruturas coma unha pista de pádel e a ampliación das instalacións da Medela.

 

Moure indicou tamén “o seu desexo de continuar apoiando as asociacións culturais, deportivas e sociais” e propón “a creación dun consello cultural e deportivo”. Por suposto, “seguiremos apoiando o turismo coa colaboración do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra”, concluíu.

 

Candidatura

1. Ramiro Moure Ansoar

2. Isabel Fidalgo Albor

3. Luis Gómez García

4. Sonia Conde Montenegro

5. Pedro Rodríguez González

6. Dulce Montes Gómez

7. Alberto Varela González

8. Brais Rafael Pacior Novoa

9. José Moure García

10. Marcos Antonio Varela Rodríguez

11. María Jesús Gayoso Meilán

 

Suplentes

Tito Conde Fidalgo

César Miguélez Carballo

José Jorge García

Vanesa Domínguez Regueira

Mari Cruz Rodríguez Gómez

María Divina López Fernández

Débora Carreras Molina