Partido Popular de Lugo

Lola Castro lamenta a falta de implicación dos socialistas coa residencia da terceira idade e centro de día de Folgoso do Courel

21, maio, 2019. A actual rexedora e candidata á alcaldía de Folgoso do Courel do Partido Popular, Lola Castro, lamenta “a falta de implicación dos socialistas do municipio cun proxecto tan necesario e beneficioso como é a residencia da terceira idade e centro de día”; así coma “os enganos que pretenden trasladar aos nosos veciños e veciñas ao culpar ao equipo de goberno local do PP de non traballar por esta infraestrutura” cando “temos loitado moito por este proxecto e traballamos para intentar sacalo adiante da mellor forma posible”.

 

Trala recepción dun anteproxecto no que os servizos técnicos municipais detectaron deficiencias, o Goberno local do PP “viuse obrigado a rexeitalo e demandar ao Goberno provincial do PSOE unha infraestrutura coas mellores características posibles para Folgoso do Courel e que sexa o máis adecuada para a atención dos nosos maiores; xa que esixe un investimento importante por parte do Concello”. Deste xeito, a rexedora popular propón algunhas melloras á proposta trasladada polo Goberno provincial que considera que poden repercutir no benestar dos seus usuarios”, manifestou Castro.

 

Algunhas das deficiencias que ten apreciado a candidata do PP á alcaldía relaciónanse coa distribución dos seus espazos; xa que “boto en falta unha recepción, un espazo de acceso ao centro de día sen pasar pola zona da residencia, que as habitacións se orienten cara a luz do sol ou unha terraza na que os usuarios podan desfrutar da nosa paisaxe –porque o acceso á terraza contemplada non está garantido-”. Igualmente, Lola Castro sinalou que “tampouco se podería acceder á cociña con ningún vehículo e, polo tanto, o persoal veríase obrigado a cargar o material necesario de forma manual e facelo chegar ás instalacións a través dunha rampla”. Ademais, a rexedora recordou que “a construción debe respectar o entorno protexido no que se atopa e adaptarse ás súas características”.

 

A popular asegura que “nós cumprimos coa nosa parte –a cesión dos terreos ao ente provincial- como demostra a súa recepción por parte da Deputación tal e como consta nas actas de Xunta de Goberno e o investimento de 200.000 euros-. Polo tanto, “é o Goberno do PSOE na Deputación o que non avanza nesta dotación” incluso “incumprindo os prazos establecidos polos propios socialistas cando anunciaron a licitación das obras para o mes de setembro do 2018 e o comezo das mesmas no último trimestre dese ano tras asinar o convenio a comezos de agosto do ano pasado. Como non foi así, o Grupo Provincial Popular tivo que esixir, a través dunha moción debatida na sesión plenaria do mes de decembro do 2018, axilidade para dar inicio canto antes á construción da residencia da terceira idade e centro de día con capacidade para 52 usuarios no noso municipio”.

 

Os avances a favor da nosa residencia, grazas ao Grupo Provincial do PP

A rexedora do PP recordou tamén que “foi grazas ao Grupo Provincial do Partido Popular que se iniciaron os trámites para a construción deste centro”. Castro explicou que “o acordo tomado na reunión da Xunta de Goberno do 23 de marzo do 2018 débese ao Goberno en minoría do PSOE que se viu obrigado a respectar os acordos establecidos na época na que a popular Elena Candia presidía a institución provincial”.

 

Trala xestión do Grupo Popular na institución lucense incluírase nos orzamentos de 2016 unha partida para a súa creación e no ano 2017 o Pleno da Deputación aprobou por unanimidade unha proposta de modificación do presuposto provincial, vía suplemento de crédito, que incluía que se destinara a cantidade dun millón de euros á construción e dotación desta residencia, xunto coa de Portomarín, unha vez que o Concello xa cumprira cos seus compromisos e aportara os terreos e as localizacións para levantar a infraestrutura.

 

Prazas públicas

A rexedora e candidata popular á alcaldía conta co compromiso da consellería de Política Social para a concesión do maior número de prazas sostidas con fondos públicos “unha vez rematada a construción e apertura da residencia de maiores” en beneficios dos posibles usuarios e usuarias”.