Partido Popular de Lugo

A candidata do PP á alcaldía de Monforte asegura que “poñeremos á nosa cidade no mapa cultural e turístico de Galicia”

21, maio, 2019. A candidata do PP á alcaldía de Monforte, Katherinie Varela, asegurou que “poñeremos á nosa cidade no lugar que lle corresponde no mapa cultural e turístico da nosa Comunidade tanto pola súa riqueza arquitectónica e artística que posúe, como por formar parte do Camiño de Inverno”. Precisamente, hoxe vén de realizar un tramo desta Ruta Xacobea acompañada de membros da candidatura popular e do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, desde a igrexa de Rioseco ata a Praza do Concello.

 

A alcaldable popular asegurou que “é hora de colaborar coa administración autonómica para a promoción desta ruta que ata agora o goberno do PSOE mantivo á marxe das súas prioridades”. Así Varela sinalou que “o alcalde non logrou abrir o baixo do Hotel Comercio como centro de interpretación de peregrinos nin se preocupou por acondicionar o Camiño de Inverno o verán pasado. De feito, o Goberno galego ofreceu aos Concellos colaboración para o mantemento e conservación de itinerarios coma o do Camiño de Inverno, a pesar de ser de titularidade municipal; pero o rexedor socialista de Monforte rexeitou esta axuda”.

 

Potenciación do Camiño de Inverno e declaración dos Escolapios como BIC

Tendo en conta o valor desta ruta “dende o Partido Popular apostamos por potenciar este recurso turístico poñendo en valor os seus elementos históricos e patrimoniais”, defendeu Varela.

 

Nese senso, a candidata popular lembrou que “o compromiso da Xunta que goberna Feijóo con Monforte maniféstase, entre outras accións, co inicio dos trámites para a declaración do colexio dos Escolapios como Ben de Interese Cultural (BIC)”. Deste xeito, a administración autonómica contribúe á protección do noso patrimonio histórico”. Katherinie Varela explicou que “o conxunto monumental está formado polo edificio do colexio coa fachada de estilo renacentista, a igrexa de Nosa Señora da Antigua, o claustro e o museo. Tanto o templo coma o museo contan con importantes obras de arte”.

 

Cultura e turismo no programa do PP de Monforte

A candidata do PP á Alcaldía sinalou tamén que “o noso programa electoral recolle numerosas iniciativas no eido cultural e turístico” que procuran “a potenciación da cultura co obxectivo de atraer máis turismo, ao tempo que contribúa a evitar a fuga de xente nova dende a nosa cidade cara outras con maior oferta lúdico-cultural”.

 

Así, por unha banda, apostan por habilitar o centro de interpretación e un albergue municipal contribuíndo a potenciar e mellorar os servizos en torno ao Camiño de Inverno. E, na mesma liña, os populares avanzan “a elaboración dun Plan Director para a dinamización do Camiño de Santiago”; así coma o cambio da oficina de turismo ás casiñas da compañía.

 

Outras medidas que recolle o programa da candidatura do PP de Monforte son a rehabilitación do entorno de San Vicente, a creación dunha área fluvial na cidade e a mellora das comunicación coa comarca que permitan que Monforte se converta na auténtica capital de turismo da zona da Ribeira Sacra.

 

En relación ao potencial turístico desta zona, os populares avogan por desenvolver un Plan Estratéxico de impulso da Ribeira Sacra que recolla a mellora das infraestruturas e os servizos turísticos. Así mesmo, queren asinar convenios de colaboración cos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe Ribeira Sacra e Agricultura Ecolóxica de Galicia para a realización dun evento anual de viño e unha gran feira ecolóxica de Galicia.

 

Finalmente, no apartado de cultura e turismo das liñas programáticas dos populares para o vindeiro mandato tamén se recolle “o aumento do número de feiras e festas co obxectivo de multiplicar o atractivo turístico do municipio”; así como a creación de dous festivais de música e feiras gastronómicas e o impulso das festas de Entroido e a creación dun Entroido de verán.