Burela, a 20 de maio de 2019.- O PP de Burela considera que “sería moi bo que se celebrara un debate aberto a tódolos veciños e veciñas no que tódolos candidatos á alcaldía da vila mariñá, sen excepción, expoñan as súas ideas”. Os populares cren que sería “unha cuestión básica e capital”.
O candidato popular á alcaldía, Manuel Rouco, considera “moi positiva a iniciativa lanzada por outras formacións políticas”; aínda que, na súa opinión, “se realmente esta proposta tiña visos de sacarse para diante e non era unha mera formalidade de campaña, púidose ter feito moito antes”.
Os populares cren, ao fío do manifestado por outras formacións, que efectivamente sería de xustiza para os burelaos que o actual alcalde aclarara o seu futuro político e manifestara sen ningún tipo de dúbidas se pensa quedarse na vila ou marchar para Madrid despois do 26 de maio”.
Neste sentido, ven moi positivo que o actual alcalde “rebaixara no seu programa o número de “promesas electorais” que vai incumprir en caso de que teña a opción de gobernar para que non nos pille por sorpresa aos veciños e veciñas de Burela”.