20, maio, 2019. O candidato do PP á alcaldía do Saviñao, Juan Carlos Armesto, está a dar a coñecer aos veciños e veciñas, xunto aos membros da candidatura popular, o programa electoral co que se presenta á cita do vindeiro domingo 26 de maio co obxectivo de revalidar a maioría absoluta e ofrecer un Goberno estable durante os vindeiros catro anos.
O popular explica, nese sentido, que “o noso proxecto recolle diversas actuacións en materia de infraestruturas”. É o caso da construción da Casa da Xuventude, a nova residencia da terceira idade e centro de día, o novo centro médico, a reforma do pavillón municipal e a ampliación do polígono industrial; ademais da ampliación e mellora da cobertura de telefonía e Internet “tendo en conta as necesidades no eido das novas tecnoloxías”.
Medidas para o rural e I Festa da Vendima da Ribeira Sacra
Ao respecto do rural “ampliaremos a traída de auga municipal e a rede de sumidoiros; ademais de crear locais sociais nas parroquias”, explicou o alcaldable popular que tamén anunciou o “establecemento dun plan de aglomerado a 4 anos de tódalas vías municipais e outro plan de acceso aos viñedos; así como un programa de impulso e ordenación do sector forestal”.
Así mesmo, Armesto avanza a proposta da candidatura popular para a creación dunha oficina de asesoramento ao sector primario ou a mellora do sistema de recollida de plásticas agrícolas. E, máis concretamente, dende o Partido Popular do Saviñao propoñen a organización da primeira festa da vendima da Ribeira Sacra.
Emprego, servizos sociais e mocidade
O programa electoral do Partido Popular para O Saviñao recolle, en materia de emprego, a creación do I Plan de emprego municipal; así coma o desenvolvemento de talleres de formación e obradoiros.
Outras das medidas que avanzan os populares é “a baixada de impostos en relación á recollida de lixo ou ao servizo de vao”.
Armesto tamén explica, en relación ao eido dos servizos sociais, que “recollemos a necesidade de ampliar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e o de teleasistencia domiciliaria” ao que engade “a implantación do servizo de Xantar na Casa”.
Un dos piares do programa electoral dos populares no Saviñao son os mozos e mozas. Nese sentido, anuncian a implantación do bono transporte para estudantes; así coma outras medidas relacionadas co deporte. Algunhas delas son: a creación de Escolas Deportivas municipais ou a ampliación e mellora da piscina municipal. E para os máis pequenos e pequenas do Saviñao, os populares prometen “a reforma e ampliación dos parques infantís; así coma a creación dunha ludoteca con servizo de custodia”, segundo indica o candidato á alcaldía.
Mitin en Escairón
O candidato á alcaldía, Carlos Armesto, pechará esta campaña electoral na que está a dar a trasladar as propostas dos populares aos veciños e veciñas do Saviñao cun mitin que se celebrará o vindeiro venres 24 de maio a partir das nove e media do serán no auditorio de Escairón. Tamén intervirán o senador electo do Partido Popular pola nosa provincia, José Manuel Barreiro; e conselleiro de Economía e Industria, o monfortino Francisco Conde.