Partido Popular de Lugo

Manuel Rouco: «o Partido Popular foi o que máis fixo por Burela na historia do noso municipio»

Burela, a 19 de maio de 2019. O candidato do PP á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, asegurou durante o mitin celebrado este serán na antiga biblioteca e no que tamén interviron a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e José Manuel Balseiro que “o Partido Popular é o que fixo unha rotunda oposición ao actual equipo de Goberno e tamén o que representa á estabilidade e á eficacia na xestión”.

Así, “este novo e ilusionante proxecto do PP de Burela é herdeiro da filosofía inversora e xestora deste Partido que foi o que máis fixo, con moita diferenza, por Burela en toda a historia do noso municipio”. Pero tamén somos “os que exercemos o control do Goberno do PSOE en Burela durante os últimos catro anos; non un Partido de última hora que nos apuntamos ás notas de prensa un mes antes das eleccións”, engadiu.

O equipo dos populares de Burela está integrado por “veciños e veciñas que representamos realmente á sociedade e aos sectores produtivos e sociais da nosa vila. Somos burelaos de terceira ou cuarta xeración e persoas que escollemos a nosa vila como lugar para asentarse e formar a súa familia”, incidiu o alcaldable popular.

 

Un equipo de persoas formadas, listo para gobernar “escoitando aos veciños”

O candidato do Partido Popular lidera, de cara ao vindeiro mandato, un proxecto “cheo de ideas novas derivadas da gran formación e do éxito profesional dos seus membros”. Pero, ademais das súas propostas, os populares amósanse “dispostos a escoitar aos veciños e veciñas e a traballar humildemente para o beneficio de todos e todas se o vindeiro 26 de maio os veciños e veciñas de Burela nos outorgan a súa confianza”.

A este respecto, Rouco aclarou que “a diferenza do resto dos partidos que se presentan a estas eleccións municipais, o PP de Burela non aspira a ser a chave de ningún goberno nin a ser muletiña de ningún outro partido. O Partido Popular defende as súas ideas e o seu proxecto, non o doutros”.