“Apostamos por unha administración na que todos participen; unha política seria, estrita, coherente; e unha xestión dos presupostos de forma eficaz”. Así de contundente e convencido se amosou o candidato á alcaldía de Láncara, Santiago Cubillas, durante o mitin celebrado esta tarde-noite, e no que trasladou aos asistentes os principais eixos do seu programa de goberno.
Deste xeito, o cabeza de lista do PP lancarés explicou que “a nosa finalidade é favorecer e potenciar os sectores produtivos e, con elo, dar oportunidades para que asentar poboación, así como mellorar os servizos sociais”. Trátase, en definitiva, dixo, “de facer un concello máis dinámico economicamente e de integrar a todos os colectivos na xestión, incluíndo tamén aos pedáneos que, cos socialistas, están esquecidos e abandonados”.
Acción de goberno
Neste senso, relatou que o desenvolvemento do polígono industrial; o apoio aos emprendedores; favorecer o pequeno comercio, a axilización dos trámites burocráticos como as licencias municipais e o asesoramento a autónomos e parados das axudas existentes; serán algunhas das iniciativas máis inmediatas na súa acción de goberno. Por outra banda, e tendo en conta que este é un municipio no que o sector agrogandeiro ten un peso relevante, impulsarán a produción ecolóxica, rebaixarán o IBI e habilitarán unha Oficina Agraria Municipal.
En materia de servizos sociais, por cada neno que naza concederán un cheque de 500 euros, ao tempo que mellorarán a Axuda no Fogar, implantando un servizo de cátering para levar unha comida ao día a quen o necesite.
Outras medidas
O popular tamén adiantou que avanzarán na eficiencia enerxética dos edificios e instalacións públicas; no aproveitamento dos inmobles do Concello, alugando o cedendo aqueles que están sen uso; na mellora da rede de abastecemento e saneamento nas parroquias, así como das pistas con aglomerado en quente; na aposta polo deporte con novas e máis actividades, abrindo tamén as instalacións deportivas do colexio fóra do horario escolar; na creación do servizo de madrugadores no CEIP e dunha agrupación de Protección Civil; e na posta en valor do Camiño Real, da antiga estación de ferrocarril, das festas populares, e na dotación de contido para o Polifuncional da Feira ou para antiga Casa Consistorial de Carracedo.
O PP, sinónimo de xestión
O cabeza de lista estivo arroupado polo secretario Xeral do PPdeG, Miguel Tellado, o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, e o senador electo, José Manuel Barreiro, quenes coincidiron na importancia de que o día 26 a veciñanza se decante por votar ao Partido Popular, xa que só está formación é a que garante “unha xestión eficaz” nas administracións. Proba delo, apuntou Balseiro, é que o Executivo de Feijóo investiu só en 2018 neste municipio máis de 6,5 millóns de euros.