A candidata do PP á Alcaldía de Monforte, Katherinie Varela, e o número dous da súa candidatura, o empresario Roberto Eireos, veñen de manter unha reunión de traballo co colectivo dos taxistas para coñecer a súa situación e as demandas que lle veñen trasladando ao Concello sen que estas teñan sido atendidas ata o de agora.
Na xuntanza os populares foron coñecedores da preocupación e o malestar que o colectivo de taxistas traslada en relación coa falta de consideración que o alcalde ten amosado ás súas inquedanzas e peticións. Kaherinie Varela e Roberto Eireos lamentan que, tal e como se desprende das propias palabras do colectivo, os estean marxinando e poñendo ás 29 familias que o integran nunha situación moi complicada.
Sen ordenanza municipal
O colectivo quéixase de que Monforte sexa a única cidade de España na que se lle cobra aos traballadores dos taxis pola ocupación da vía. Tamén amosan a súa desconformidade por carecer dunha ordenanza municipal que regule o servizo, pese a ser obrigatorio para os concellos desde o ano 2015. Para que esta situación cambiara o colectivo fíxolle chegar ao alcalde as ordenanzas doutras cidades, como Lugo, Viveiro ou Vigo, pero non chegou a aprobala.
Critican ademais que, pese a ter solicitado reunións en numerosas ocasións, para trasladar todas estas peticións e as preocupacións que amezan ao sector en Monforte, tan só atoparon a calada por resposta por parte do alcalde e do Goberno local. O último dos ataques, recordan desde o PP, o anuncio dunha liña de autobús gratuíta, cos prexuízos que esta medida suporía para todo o sector. “Unha medida unilateral que nin sequera consultaron cos afectados”, inciden.
Na reunión mantida cos profesionais do taxi, tanto a cabeza de lista como o seu número dous, comprometéronse a, unha vez gobernen, solucionar todos estes problemas acordando unha serie de melloras que repercutirían de igual maneira na prestación de servizo aos usuarios.
Novo emprazamento para o colectivo
Entre as medidas a tomar, os populares comprométense a estudar un novo emprazamento para os taxis onde poidan dispor dun espazo no que protexerse das inclemencias do tempo, unha petición que xa demandaron hai tres anos ao actual Goberno local e que non foi atendida.