Partido Popular de Lugo

Yovana Oroza: “perdemos a bandeira azul de Portelo porque Llano non gastou nin un só euro en manter o emisario en condicións nos últimos catro anos”

Burela, a 16 de maio de 2019.- A número dous da candidatura do Partido Popular que encabeza Manuel Rouco en Burela, Yovana Oroza, asegura que o gasto de manter en condicións o emisario submarino, que afecta directamente á praia de Portelo, “foi de cero euros en 2016, en 2017, en 2018 e no que levamos de 2019”. Esta circunstancia, lamenta a candidata, derivou na perda da bandeira azul da praia de Portelo para este ano 2019. Ademais, a popular engade que a política medioambiental foi “inexistente”.

Neste senso, Oroza aclara que foi o propio Llano, quen nun escrito dirixido ao Grupo Municipal Popular “comunica ese gasto cero no emisario nos anos indicados”. Foi en resposta a unha solicitude de información por parte dos populares.

Yovana Oroza lembra que “o mantemento do emisario é competencia do Concello”. Recorda que o goberno municipal do PP, “cando recuperou o Goberno en 2011, tivo que gastar 30.000 euros para emendar as deficiencias que se tiñan detectado no emisario e que o bipartito municipal non solucionara”. Esta circunstancia facía perigar a bandeira azul da praia de Portelo e mesmo obrigou a pechala temporalmente no verán de 2010.

Deste modo, a número dous da candidatura expón que “a perda da bandeira azul da praia de Portelo reflexa que a política turística de Alfredo Llano nestes catro anos quedou reducida a gastos en FITUR de 700 euros ao ano e outros tantos por parte de Fernández Rey”.

Compromiso do PP

Yovana Oroza comprométese a que “tal e como afirmou o noso candidato á alcaldía no seu día, se acadamos o Goberno municipal, afrontaremos unha política medioambiental dirixida a poñer a Burela á cabeceira das iniciativas pola sustentabilidade, coma xa fixeron gobernos populares hai anos”. Baséase na elaboración dun plan estratéxico que “nos permita definir, a partir dos traballos feitos no seu momento polo Goberno municipal do PP en materia de Axenda 21, obxectivos de calidade ambiental, medios para acadalos e implicación da administración local e da cidadanía”, precisa.