14, maio, 2019. A candidatura do Partido Popular que encabeza Fernando Parada na Pobra do Brollón conta cunha renovación do 33% entre os seus integrantes que son “persoas de distintos lugares do municipio e relacionados con distintas actividades –empresarios, gandeiros, estudantes ou xubilados- e que, polo tanto, representan aos distintos sectores económicos e sociais do noso concello”.
Ademais de presentar a candidatura, o alcaldable popular expuxo o programa electoral do Partido Popular para o municipio nun mitin no que estivo acompañado polo secretario xeral do PP lucense, Carlos Armesto, e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.
O programa dos populares para A Pobra do Brollón recolle distintas iniciativas que pretenden “garantir os servizos para tódolos veciños e veciñas”. Así, pensando no asentamento da poboación e na creación de emprego, o candidato do PP á alcaldía aposta pola creación dun polígono industrial e a implantación dun obradoiro de emprego dirixidos ás persoas en situación de desemprego. E tendo en conta o potencial turístico da Pobra do Brollón, os populares apostan pola creación dun albergue de peregrinos e pola promoción do Camiño de Inverno, ademais doutras rutas que percorren o termo municipal.
Por outra banda, Parada tamén nomeou a necesidade de “avanzar na construción da residencia de maiores que o Goberno socialista da Deputación Provincial prometera para este mandato, pero para a que que non vimos nada feito”. Parada comprométese, igualmente, por “completar a rede de saneamento para que chegue a tódalas parroquias e núcleos de poboación”.
O candidato popular asegurou que terá en conta que “A Pobra do Brollón conta cunha gran masa forestal e, polo tanto, require a creación de dúas brigadas contra incendios na época de risco de lumes forestais. Isto é precisamente o que o rexedor local non fixo o pasado verán ao rexeitar as dúas brigadas que lle outorgaba a Xunta de Galicia”, incide.
Colaboración coas traballadoras do SAF
O candidato popular avanzou que unha das primeiras medidas que levaría a cabo se os veciños e veciñas lle outorgan a confianza para Gobernar o Concello sería a colaboración coas traballadoras do Servizos de Axuda no Fogar (SAF) de cara a facilitar que poidan fichar sen necesidade de achegarse á Casa do Concello.
Fernando Parada destacou o “importante labor” que realizan estas traballadoras atendendo aos nosos maiores en todos os puntos do noso concello e cre que “o Concello debe facilitarlles as ferramentas informáticas precisas para poder fichar e xustificar as súas horas de traballo sen necesidade de realizar chamadas ao Concello cada vez que comecen e rematen o horario laboral en cada domicilio”.
Achegas do Goberno autonómico para a mellora do colexio e o financiamento ao cen por cen da casa niño
O alcaldable popular destacou “o compromiso do Goberno de Feijóo cos pobrenses como demostra o investimento de máis de 57.000 euros para o arranxo do colexio ao que hai que engadir outros 15.000 euros para o gasto de funcionamento da aula de informática que suman máis de 72.000 euros” no pasado ano 2018. E, no mesmo sentido, o popular sinalou a aposta da Xunta por fixar poboación nos pequenos municipios, apoiar ás familias e dinamizar os núcleos rurais a través da apertura dunha casa niño na Pobra do Brollón que atende a seis nenos e nenas de forma gratuíta grazas ao financiamento ao cen por cen por parte do Goberno autonómico.
O cabeza de lista dos populares puxo tamén en valor que “o Goberno galego achegou no pasado 2018 preto de 60.000 euros para a mellora de elementos de interese turístico do noso concello”. É o caso da rehabilitación da fonte de Outara e á recuperación da ponte de Barxa de Lor que forma parte da Ruta do Ouro e do Ferro e tamén do Camiño de Inverno ou da mellora da accesibilidade e da sinalización da Ruta da Castaña e do Mel. A Xunta financiou tamén a mellora da LU-653 entre Os Medos (Castrosante) e Pacios de Veiga (A Ferreirúa).
Candidatura
1. Fernando Parada Veiga
2. Pedro Rodríguez Rodríguez
3. Manuel Carballeira González
4. José Luis Álvarez Álvarez
5. María Teresa Martínez Enríquez
6. Jesús Roberto Losada Rodríguez
7. Melchor Casas Casares
8. Alejandro Parada Pereiro
9. David López Goyanes