13, maio, 2019. José Regueiro destaca que “A Fonsagrada está totalmente presente na axenda política e inversora do Goberno de Galicia”. Así o pon en valor o candidato á alcaldía deste municipio, logo das declaracións realizadas polos socialistas sobre a xestión da administración autonómica respecto deste concello e, sobre todo, destaca, “porque o Executivo de Feijóo investiu en 2018 sete millóns de euros, dúas veces máis o presuposto que aprobou a entidade local para este ano (3,4 millóns)”.
Con estes datos na man, a actitude do rexedor do PSOE non deixa de sorprender a Regueiro, “quizais sexa, dixo, porque está algo nervioso polo que poida pasar o día 26”. Con todo, “debería repensar o que di e analizar algo máis o que afirma publicamente, xa que os datos falan por si sós”. Basta con reparar, sinalou, no investimento que realiza a consellería de Educación na mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade do colexio, e que supera o millón de euros.
“Pero é que temos máis exemplos”, subraiou. É o caso do compromiso asumido para arranxar estradas que vertebran o concello, como son as LU-740 (A Fonsagrada-Vilardíaz), LU-701 (A Fonsagrada-límite coa provincia de Asturias) e LU-703 (Barbeiros-límite coa provincia de Asturias).
“As mentiras en política, ou intentar confundir, teñen as patas moi curtas. E lóxico que, nestes momentos, todos xoguemos as nosas cartas, pero hai que facelo coa verdade por diante. Sabemos que os socialistas están preocupados e incluso que o alcalde está algo descentrado porque tanto viaxe a Lugo teno algo perdido, pero os que dan e quitan razóns son os datos. Por iso, a ningún fonsagradino lle cola xa que a Xunta de Galicia se desentende do noso municipio. Estamos vendo como os investimentos son un goteo constante, polo que, cando menos, os socialistas deberían de estar agradecidos”, conclúe o candidato á alcaldía.