Partido Popular de Lugo

Jesús Núñez concorre ás municipais cun equipo representantivo de todas as parroquias “para garantir a continuidade do traballo ben feito”

13, maio, 2019. O Partido Popular de As Nogais, liderado por Jesús Manuel Núñez Díaz, concorre ás municipais cun equipo continuista e avalado pola xestión realizada nos últimos anos. Núñez Díaz agarda, por tanto, saír elixido o día 26 pois “levo un grupo de persoas do que me sinto moi orgulloso”. Tal é así que os compoñentes son “unha representación de todas as parroquias do Concello para garantir a continuidade do traballo ben feito”.

 

E é que, segundo destacou o cabeza de lista, todas as obras realizadas en As Nogais “son produto da xestión municipal”. “A xestión da oposición socialista limitouse a facer a foto nas obras conseguidas, xestionadas e realizadas polo noso equipo de goberno”, manifestou durante o encontro, no que estivo arroupado polo senador electo, José Manuel Barreiro e José Manuel Balseiro.

 

Neste senso, destacou que cando goberna o PP a este municipio “lle vai ben”. Proba delo é que a Xunta de Galicia colaborou estreitamente con este municipio a través das distintas consellerías, investindo unha cantidade duns 2 millóns de euros anuais; é dicir, 8 millóns durante a lexislatura que está a piques de rematar.

 

Balance do traballo

O alcaldable tamén fixo balance do traballo realizado. Deste xeito, salientou a aposta polos servizos sociais, xa que multiplicou por máis de catro o servizo de axuda no fogar, con 13 auxiliares a domicilio e 1.550 horas de servizo. En materia de emprego, as políticas neste eido foron “unha prioridade, acadando picos de plantilla de máis de 50 traballadores grazas á colaboración da Xunta”. “Se renovamos a confianza dos veciños, seguiremos adicando esforzos neste apartado”, indicou.

 

Agora o Concello tamén conta cun parque móbil propio en condicións e cos que se dá resposta a calquera contixencia que se presenta. Tal é así que este Concello desenvolve un plan integral de desbroces propio e de limpeza de núcleos e os seus contornos para a protección contra os incendios forestais.

 

Este municipio tamén pertence ao primeiro grupo de municipios de Galicia que acadou o recoñecemento de Concello Emprendedor pola adaptación das súas ordenanzas ás condicións establecidas no Convenio Marco de Colaboración entre a Xunta e a FEGAMP para fomentar a implantación e fixación de empresas de Galicia. A Casa Niño é unha realidade, así como a ordenanza para o fomento da natalidade, explicou.

 

Logo de sanear as contas municipais recibidas do anterior goberno socialista, este equipo de goberno tamén saldou en Nadal outra gran débeda recibida, como é o acendido do alumeado público toda a noite; un traballo, dixo, que foi realizado con medios e persoal do propio do Concello.

 

O actual Executivo local tamén mellorou os accesos a 25 núcleos, renováronse 13 estradas con aglomerado en quente, ademais doutras destacadas actuacións, como a iluminación ornamental das igrexas de Santo André, As Nogais, Nullán, Doncos e Tores, así como a do Castelo. Por outra banda, este municipio foi o único Concello da provincia que tramitou de forma gratuíta a todos os interesados as alegacións ao procedemento de regularización que o Catrastro realizou en todos os municipios de España. Este alcalde tamén é o promotor do convenio que asinaron os Concellos de As Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo para o estudo, sinalización e promoción da Vía Künig.

 

 

Candidatura ao completo

A lista completa é a seguinte:

 

1.- Jesús Manuel Núñez Díaz

2.- Juan Álvarez González

3.- Jaime Gallardo López

4.- Marcos Busto Rodríguez

5.- Fernando Rodríguez González

6.- María Isabel Méndez Fernández

7.- María Rubén Ramos Becerra

8.- Sofía Freijo García

9.- Constantino Bendoiro Legaspi

11.- José Doval Lage

12.- Ovidio Río Rodríguez

13.- Eladio Valín García