11, maio, 2019. O candidato do PP á alcaldía de Alfoz, Pepe Peinó, asegura que a candidatura popular “é un grupo equilibrado de tendencias laborais, procedencias e idades. Somos un equipo, non só unha persoa, que pretendemos axudar a Alfoz e aos nosos veciños e veciñas”. De feito, “agardamos que co esforzo dos compoñentes da nosa lista e co apoio dos veciños e veciñas podamos facer do noso concello un mellor lugar para vivir”.
Con ganas de traballar, agradece ao pobo de Alfoz en xeral “por acollerme e permitirme desenvolverme no aspecto persoal”. De feito, ten participado en numerosas actividades educativas e culturais sendo impulsor, por exemplo, das Olimpíadas Rurais. Entre outros, ten palabras de agradecemento para Emilio Lousas; xa que durante o seu mandato á fronte co Concello o actual alcaldable tivo a oportunidade de dirixir o departamento municipal de Cultura.
Programa electoral
O cabeza de lista da candidatura popular avanza que “o noso programa electoral, traballado en conxunto durante os pasados días, é unha declaración de intencións, unhas liñas de acción sobre as que queremos traballar se saímos elixidos”. Nese sentido, sinala como prioritaria “unha xestión transparente, facilitar os trámites administrativos aos cidadáns e manter reunións frecuentes coas asociacións e colectivos do municipio”.
O programa dos populares ten en conta os principais sectores económicos de Alfoz e recolle a potenciación do rural e do sector forestal. Concretamente, propoñen potenciar a agricultura e a gandería ecolóxica así coma os produtos autóctonos. Tamén pretenden “impulsar o aproveitamento do solo agrícola” e “fomentar masas de explotación conxunta” ou demarcar zonas de carga; ademais de manter os camiños forestais do municipio”.
Todo isto sen esquecer iniciativas para a conservación do medio ambiente relacionadas coa “promoción de enerxías renovables, limpar os ríos e canles de auga; ademais de traballar na mellora da rede de saneamento”.
En materia de emprego e desenvolvemento económico, Peinó cita “a promoción de solo empresarial e industrial e o fomento da implantación de novas empresas e do crecemento das xa existentes”. E, en relación ao urbanismo, tamén apostan dende o candidatura do PP por “ordenar territorio do concello para a construción de vivendas” e facilitar a rehabilitación das existentes.
Asistencia social, cultura, educación, turismo e deporte
Os populares de Alfoz agardan “crear casas de maiores e un centro de día”; ademais de incrementar as horas de axuda no fogar, velar pola correcta distribución das axudas, promover outras de cara á conciliación laboral e familiar e fomentar a igualdade de xénero”.
En materia de educación, prometen “apoiar a implantación dun ciclo formativo no instituto Alfoz-Valadouro e colaborar estreitamente cos centros educativos”, segundo manifestou Peinó. Non esquece tampouco a organización de cursos de diversas temáticas que poidan resultar de interese ou crear aulas de teatro e música.
O alcaldable popular cre firmemente no potencial turístico do municipio e avanza a súa intención, de chegar ao Goberno municipal, de promocionar rutas e visitas aos centros de interese turístico ou propoñer o Mercado Medieval como Festa de Interese Turístico e Alfoz como destino “starlight”.
Pepe Peinó cre necesario “mellorar as instalacións deportivas municipais e crear escolas deportivas”. Igualmente, defende “a promoción de actividades deportivas para os veciños e veciñas de tódalas idades” tal e como recolle tamén o programa electoral do Partido Popular para Alfoz.
Candidatura
1. José Vázquez Peinó
2. Juan José Fraga Paz
3. Raquel Rouco Iglesias
4. Jacobo Geada Adrio
5. Jesica García Fraga
6. Daniel Rejes Trobo
7. Marco Vázquez López
8. Nerea Pena Vigo
9. Alberto Souto Saco
Suplentes:
Ana Martínez Rego
Jose Juan Lorenzo Rubal
Fernando Rico Val
Iván Fernández Pernas
Rebeca Fraga Paz
Gerardo Cao Veiga
Jesús Paz Pumares