Partido Popular de Lugo

Óscar Rodríguez aposta por un plan estratéxico municipal para aproveitar todo o potencial turístico que ten Viveiro

11, maio, 2019. O candidato á alcaldía do Partido Popular de Viveiro, Óscar Rodríguez, comprométese cos distintos representantes do sector turístico a traballar da man para seguir acentuando o éxito do noso turismo”. O popular destaca a importancia de “afianzar o liderazgo dun sector” que xera “riqueza e emprego” en toda a Comarca.

 

O cabeza de lista do PP aposta no seu programa electoral por desestacionalizar o turismo de Viveiro para aproveitar todo o seu potencial. “Temos visitantes no verán, cando se celebra o Resurrection ou por Semana Santa, pero cremos que a nosa cidade podería manter unhas boas cifras de turistas ao longo de todo o ano sempre que exista un plan estratéxico municipal en colaboración tamén con outras administracións”, explica.

 

O popular fixo estas declaracións no transcurso dun encontro co sector turístico, organizado polo PP e celebrado esta mañá en Viveiro, coa presenza da Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Na cita reuníronse profesionais dos diferentes eidos turísticos da Comarca.

 

Unha oportunidade

Pola súa parte, a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asegurou que o xeodestino da Mariña lucense avanza e ten marxe de mellora en varios indicadores que “supoñen unha oportunidade para concellos como o do Viveiro e os membros do sector”.

 

Os datos arroxan que no primeiro trimestre deste ano, a Mariña lucense recibiu máis de 18.000 viaxeiros, que fixeron máis de 36.000 pernoitas. Trátase dun destino no que a demanda do turismo internacional medrou un 12%.

 

Boa marcha do sector turístico galego

Nava Castro tamén puxo en valor que os datos constatan a boa marcha do sector turístico en Galicia e o “bo desempeño dos profesionais do sector e da colaboración público-privada que impulsamos”.

 

Nos primeiros tres meses de 2019, Galicia rexistrou máis de 600.00 viaxeiros e máis de 1,1 millón de pernoitas. A estadía media aumentou (2,3%) e medrou por riba da media española e o número de viaxeiros internacionais medrou (2%), acadando a cifra máis alta dos últimos once anos.

 

Segundo explica a Directora de Turismo, estamos “a consolidar un destino que recibe turistas todo o ano, polo tanto un destino máis desestacionalizado e sustentable e recibimos un turismo de cada vez máis calidade, como proba o feito de que os ingresos e a rendibilidade melloran”

 

Ante esta boa evolución do sector turístico galego, o alcaldable resaltou a importancia de que dende o Goberno local de Viveiro se aproveite “o máximo posible o noso potencial, se amplíe a diversificación do noso turismo local e se dea un paso máis na súa competitividade e na súa desestacionalización”.

 

Compromiso do Goberno galego

Por último, tamén se informou dos mecanismos que o Goberno galego pon anualmente á disposición do sector. Na actualidade, a Xunta de Galicia ten en marcha o Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos, que conta cunha ampla batería de ordes de axudas. Este plan abarca, entre outras, unha orde da Consellería de Cultura e Turismo, dun millón de euros ou o Reforma TUR, impulsado pola Consellería de Economía, con 3 millóns de euros. Amais, o Igape tamén estuda a posta en marcha de empréstitos para a creación e mellora de establecementos de aloxamento (préstamos Ifi-Tur).