Partido Popular de Lugo

Ana Álvarez adianta que o programa de goberno do PP inclúe a posta en marcha de políticas activas contra a violencia de xénero

Burela, 11 de maio de 2019.- Ana Álvarez, responsable das áreas de Sanidade, Política Social, Muller e Igualdade do Partido Popular de Burela, afirma hoxe que “a partires do 26 de maio, se acadamos a confianza dos veciños, remataremos o que o anterior goberno municipal popular deixou iniciado en 2015, ao que Llano non foi capaz de darlle xa non remate, senón tampouco continuidade: unha vivenda de acollida para vítimas de violencia de xénero ou en risco de exclusión social”.

Ademais, adianta que os populares rematarán o IV Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes do Concello de Burela 2015/2017 para aplicalo na súa integridade, xa que non se executou ningunha das medidas nestes catro anos e, polo tanto, ten total validez, agás adaptacións puntuais. Polo tanto, engade, “tentaremos poñer en funcionamento un punto de encontro para normalizar as relacións entre nenos e nenas e os membros da familia cos que non convivan; igualmente, retomaremos a Escola de Pais e Nais que se puñera en marcha co goberno municipal do PP en 2015 e que Llano paralizou”, afirma.

Álvarez indica que os datos facilitados logo da Xunta Local de Seguridade do pasado mércores día 8 en materia de violencia de xénero “poñen en evidencia a Alfredo Llano, xa que durante estes catro anos só foi capaz de facer a campaña ‘Burela en negro’, pero nada fixo sobre a vivenda de violencia de xénero, nada fixo sobre o punto de encontro, nada fixo sobre a Escola Municipal de Pais e Nais, nin nada fixo para adoptar algunha das medidas contempladas no IV Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes 2015/2017 (feito polo goberno do PP), do que, aínda non coñecemos a súa memoria avaliativa e por suposto tampouco hai rastro do que sería o V Plan de Igualdade 2018/2020. Só por isto, Llano debería de ter abandonado esa Xunta Local de Seguridade e declararse incapaz de tratar o asunto da violencia de xénero”, defende.

A candidata popular asegura que “as mulleres non queren só campañas en negro: demandan políticas activas da administración municipal, políticas que vaian á raíz do problema e, por suposto, a maioría non se conforman coa política falsamente “buenista” do PSOE. E nisto foi cómplice o BNG, que demostrou que só se lembra das mulleres cando chega o momento de presentar a moción de rigor polo día da Muller, dado que, fóra dese día, non plantexou ningunha iniciativa ao respecto”.

“Un compromiso non electoralista”

Álvarez asegura que “o noso compromiso non é un compromiso electoralista, xa que o noso grupo municipal demandou en varias ocasións actuacións do actual goberno municipal nestes asuntos, e a resposta foi o máis absoluto desprezo e desdén, sen darse conta que a quen estaba desprezando e desdeñando non era ao PP, senón ás mulleres que se senten desprotexidas porque o concello non establece políticas activas se non soamente propagandísticas”, conclúe.