11, maio, 2019. A candidatura do Partido Popular de Ribadeo, que encabeza Daniel Vega, presentou hoxe a campaña para as eleccións municipais do día 26. Será de proximidade, con actos para os veciños en todas as parroquias e na vila, e tamén haberá encontros sectoriais.
Daniel Vega explicou que a do PP ribadense é unha campaña electoral “de proximidade, polo que vamos presentar o noso proxecto casa a casa, persoa a persoa, para trasladarlles aos veciños deste concello que temos un equipo disposto a traballar por Ribadeo. Imos realizar actos entre o rural e a vila, pero sen esquecerse de ninguén. Temos que falar de Ribadeo en conxunto e iso significa potenciar a vila, pero tamén o noso rural. Imos presentar un programa electoral serio, crible e realizable. Vamos falar de temas moi importantes nestas eleccións, como os asuntos sociais, que deben ser de proximidade, para o que hai que acercalos tamén ao rural. Temos que falar de economía, de emprego e, sen lugar a dúbidas, hai que poñer no discurso desta campaña os portos, tanto o de Mirasol como o deportivo; o comercio, para seguir potenciándoo; e tamén hai que falar do polígono industrial, porque se abrimos as portas a que distintas empresas veñan e se sitúen no polígono industrial de Ribadeo sen lugar a dúbidas vamos falar de máis e mellor emprego, co que se favorecería a economía de Ribadeo”.
O alcaldable popular engadiu: “temos que falar de cultura, tanto de actividades como de espazos para favorecer a cultura no noso pobo. En breves presentaremos algo moi importante para Ribadeo neste campo. Pero temos que falar tamén das entidades asociativas: culturais, deportivas, as asociacións de veciños, por iso vamos facer un acto moi importante en Ribadeo para explicarlles cal é o noso proxecto para os próximos anos”.
Vega anunciou que nesta campaña electoral falarán tamén da hostalería, que “foi abandonada e maltratada por parte do goberno do Suárez e do BNG. Pero nós nunca lle vamos dar as costas a este sector e no programa electoral levamos distintas medidas, vamos realizar un acto no que lles explicaremos un programa propio para a hostalería, que foi consensuado co propio sector”.
O candidato do PP en Ribadeo adiantou ademais: “vamos potenciar a economía do rural e traballar decididamente para asentar poboación no rural, para o que temos que falar de rebaixas de impostos, favorecer que as persoas compren vivenda no rural e tamén asentar proxectos empresariais”.
Daniel Vega rematou comentando que a dos populares ribadenses será unha campaña electoral “seria, responsable, sen insultos, sen ataques aos outros partidos políticos, cun discurso para lanzar propostas en positivo e que teñan como vocación favorecer Ribadeo. Para o Partido Popular esta campaña significa moito porque Ribadeo é o único que importa”.