Partido Popular de Lugo

O PP lembra que foi o Goberno Feijóo quen en 2010 dotou á Mariña da ambulancia medicalizada e de dobre tripulación ao helicóptero Pesca 2, servizos negados polo bipartito

10, maio, 2019. O Partido Popular da Mariña lembra que foi o Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo quen en 2010 dotou a esta comarca da ambulancia medicalizada con base en Foz e tamén de dobre tripulación ao helicóptero Pesca 2. Ata ese momento a zona carecía de ambas melloras na atención das emerxencias porque o bipartito as negaba.

 

Os populares censuran que PSOE e BNG pretendan presentarse agora como “salvapatrias” atribuíndose uns servizos dos que no seu momento privaban á comarca.

 

Así por exemplo, desde o PP preguntan onde estaba o PSOE e BNG, nos anos 2005, 2006, 2007, 2008 e 2009 cando carecíamos de ambulancia medicalizada e cando os seus representantes aseguraban que non era necesario crear este servizo porque era caro e desproporcionado.

 

Os populares lembran tamén que socialistas e nacionalistas votaron repetidamente en contra da mellora da operatividade do helicóptero Pesca 2, a pesar de que sabían que, dotalo de dobre tripulación, permite que estivera dispoñible ás 24 horas do día e os 365 días do ano.

 

Desde a súa creación, polo Goberno Feijóo, a Xunta sufraga anualmente case un millón de euros para manter o funcionamento deste servizo e dous millóns de euros máis para que o helicóptero Pesca 2 manteña a súa completa operatividade.

 

Para o PP ambos son recursos esenciais que continuarán prestando servizo na Mariña, o primeiro como recurso sanitario avanzado e o segundo, aínda que destinado preferentemente a labores de atención de emerxencias no mar, tamén participa en traslados sanitarios e é habitual velo operar desde o heliporto do Hospital.