10, maio, 2019. O deputado popular electo Joaquín García Díez, que exerceu como portavoz de pesca do Grupo Popular no Congreso nas últimas lexislaturas, comprometeuse cos representantes de varias asociacións e armadores galegos a plantexar formalmente, nada máis dea comezo a XIII Lexislatura no Congreso do Deputados, iniciativas para instar ao Goberno de España a solicitar que se inclúan algún tipo de cláusulas excepcionais para casos de emerxencia no novo protocolo de Acordo Pesqueiro entre a Unión Europea e Mauritania.
Así o manifestou tras manter contactos con representantes de armadores e asociacións dos portos de Marín, Ribeira e Muxía que contan con once barcos que faenan en augas de Mauritania na captura de pescada e palometa, principalmente, e que se vén afectados polo conflito do transporte das capturas de peixe fresco entre o país mauritano e Marrocos.
“Debido aos cortes de tráfico que realizan os transportistas locais na única vía de transporte entre estes países en sinal de rexeitamento polo forte incremento de taxas aos que se ven sometidos, prodúcense retencións de máis de 10 quilómetros de lonxitude e, polo tanto, importantes retrasos na entrega de mercancía de peixe en fresco”. Estes cortes de tráfico que se realizan nunha media de tres días á semana de forma ininterrompida “xeran un grave prexuízo económico aos transportistas; xa que ao permanecer parados varios días a súa mercancía acaba inutilizándose para a súa venda en fresco e, no mellor dos casos, só se pode destinar a fariña de pescado coas correspondentes perdas de valor económico desas capturas”, matiza o popular.
Joaquín García Díez cre que “é un bo momento para buscar unha solución; xa que está aberto o trámite de renovación do Acordo Pesqueiro entre Mauritania e a UE”.
Xestións do Goberno galego
García Díez lembra que “desde o Goberno galego xa teñen solicitado en reiteradas ocasións á Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a procura de solucións e a realización de xestións ante as autoridades comunitarias, sen que ata a data puideran obterse resultados positivos neste grave conflito”.
O popular explica que “a Xunta de Galicia trasladou ao Goberno español a necesidade de solicitar á DG MARE que inste ás autoridades mauritanas a abrir unha vía de urxencia, autorizando a saída das súas augas para realizar a descarga dos buques no porto marroquí máis próximo á fronteira entre ambos países, o porto de Dakhla”.