Partido Popular de Lugo

Cubillas: “os gobernos do PP cumpren, a pesares de que o alcalde non puxo a disposición da Xunta os terreos como se comprometera”

10, maio, 2019. O candidato á alcaldía de Láncara, Santiago Cubillas, afirma con rotundidade que “os gobernos do PP cumpren”. Deste xeito, o alcaldable agradece “o extraordinario traballo” da Xunta de Galicia para “darlle adiante” ao proxecto da senda peonil na Pobra, ao aprobar as expropiacións dos terreos.

 

A administración galega inviste 750.000 euros nesta actuación e a licitación das obras efectuarase nas vindeiras semanas; cuestión que o popular quere poñer en valor, pois esta iniciativa foi unha petición expresa do grupo municipal do PP. Neste senso, salienta “a colaboración constante” do Executivo que lidera Feijóo, xa que se esta senda é unha realidade “é pola xestión do noso presidente, que traduce en feitos os anuncios, demostrando que gobernar é tamén xestionar”.

 

Cubillas fai esta valoración porque o alcalde actual comprometérase a poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos necesarios, e non o fixo; o que provocou, destaca, un retraso no desenvolvemento desta iniciativa. Para o popular este incumprimento do socialista “non é unha cuestión menor”. “Os veciños deben de sabelo. Como tamén deben de saber, dixo, que é un alcalde ao que lle fallan as formas”. E é que, na presentación da candidatura que realizou hai uns días, as faltas de respecto e descalificativos cara certas persoas, incluídas as traballadoras do fogar do Concello, foron unha constante.

 

“Isto é algo que nun candidato que opta á alcaldía non se pode permitir. Por riba de calquera ideoloxía política, está o respecto ás persoas. Un alcalde que di o que dixo nun acto público coma este é de pouca dignidade política e incluso persoal. Dende logo, e con total humildade, dende o Partido Popular xamais caeremos en tal despropósito”, conclúe.