Partido Popular de Lugo

Os investimentos da Xunta na Zona Sur co Aprol Rural e as axudas de turismo deste ano superan os 630.000 euros

9, maio, 2019. Os investimentos da Xunta de Galicia na Zona Sur co programa Aprol Rural e as axudas de turismo deste ano superan os 630.000 euros. Os populares poñen en valor así esta “inxección económica”, que permitirá a contración de 31 persoas no primeiro caso, e impulsar a Ribeira Sacra e executar a sinaléptica do xeoparque do Courel, no segundo

 

En total, doce municipios reciben máis de 364.000, cos que crearán esa trintena de empregos relacionados coa silvicultura, limpeza de montes, xestión da biomasa, entre outras actuacións.

 

“Este é un exemplo de como xestiona o PP cando goberna nas administracións. Prioriza o gasto, destinándoo a aquilo que máis se necesita. Unha das preocupacións dos nosos veciños é o emprego, polo que con este programa se dá un paso importante para aumentar as oportunidades laborais na nosa comarca. O emprego, xunto ao turismo, son sen lugar a dúbidas, dous campos necesarios nos que actuar, e o Goberno de Feijóo está a executar medidas que, cando menos, son de valorar”, remarcan.

 

Aprol Rural forma parte dunha medida activa de emprego dirixida á mellora da ocupabilidade das persoas sen un posto laboral. Os traballadores e traballadoras que se contraten terán que estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e a duración dos contratos será de 9 meses e a tempo completo.

 

No marco das subvencións de turismo, a agrupación de municipios dos Concellos de Quiroga, xunto a outros once municipios perciben preto de 268.000 euros, cos que, entre outras actuacións, se levará a cabo a sinalización do xeoparque Montaña do Courel; a ruta dos viñedo de Belesar; o complexo arqueolóxico mineiro Covallon e o dos Xeomiradoiros; a creación da ruta pola Capela do San Vitorio e a Mesa dos Catro Cableiros, en Pobra do Brollón; a iluminación ornamental “Torre da Homenaxe e sinalización do patrimonio cultural do casco histórico, en Monforte; e a iluminación do Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, das igrexas de Santo Estevo de Ribas do Miño, de Diamondi, da Cova e da Devesa, en Escairón.

 

As axudas ao detalle

Aprol Rural 2019: Quiroga (26.300 euros e 2 traballadores), Folgoso do Courel (39.450 euros e 3 traballadores), Monforte de Lemos (52.600 euros e 4 traballadores), O Saviñao (50.179 euros e 4 traballadores), O Incio (26.300 euros e 2 traballadores), Taboada (26.300 euros e 2 traballadores), Ribas de Sil (26.300 euros e 2 traballadores), Pobra do Brollón (26.300 euros e 2 traballadores), Sober (25.458 euros e 2 traballadores), Pantón (26.300 euros e 2 traballadores), Chantada (13.022 euros e 1 traballador) e Carballedo (25.751 euros e 5 traballadores).

 

Turismo: Agrupación Concellos Comarca de Quiroga (15.981 euros), Sober (31.478 euros), Chantada (8.872 euros), Quiroga (9.862 euros), Folgoso do Courel (31.349 euros), Ribas de Sil (12.000 euros), O Incio (26.656 euros), Carballedo (7.707 euros), Pobra do Brollón (31.457 euros), Monforte de Lemos (40.535 euros), Pantón (20.508 euros) e O Saviñao (22.822 euros).