9, maio, 2019. O Goberno do Partido Popular de Feijóo creará 23 empregos co programa Aprol Rural e potenciará o turismo na Montaña. Esta comarca recibe, segundo poñen en valor os candidatos do PP, máis de 320.000 euros.
As Nogais, A Fonsagrada, Cervantes, Navia de Suarna, Baleira, Becerreá, Baralla e Pedrafita do Cebreiro son os municipios que favorecerán a inserción laboral de parados, grazas á iniciativa que xa foi dada a coñecer pola administración autonómica. Só para este fin, o investimento supera amplamente os 220.000 euros. Os beneficiarios, que deben estar en paro para poder optar a un emprego, realizarán traballos de silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa. A duración do contrato será de 9 meses.
En materia de turismo, estas axudas ascenden a máis de 94.000 euros. Concretamente, son as seguintes: A Fonsagrada (embelecemento e mellora do Camiño de Santiago e do albergue de peregrinos); Pedrafita do Cebreiro (acondicionamento e mellora de infraestruturas turísticas vinculadas tamén ao Camiño) e agrupación As Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo (sinalización da ruta vía Künig).
“Cremos que se trata de axudas moi necesarias pois tocan dous aspectos primordias, como son o emprego e poder dar un valor engadido á nosa zona, facéndoa máis atractiva turisticamente. Isto demostra que cando o PP goberna, dá resposta ás necesidades que temos no rural. Somos unha zona na que asentar poboación é fundamental, e estas medidas tamén contribúen a que a xente moza se queda e teña máis oportunidades”, afirman.