8, maio, 2019. Os populares de Lugo Centro destacan a vontade colaboradora da Xunta de Galicia con esta zona ao conceder máis de 270.000 euros aos Concellos dentro das axudas de turismo e do programa Aprol Rural 2019. En total, dous municipios reciben 75.000 euros para a impulsar as infraestruturas turísticas, contribuíndo así ao crecemento do rural e ao requilibrio territorial da zona.
“Temos que valorar moi positivamente estas subvencións pois permitirán que se poidan rehabilitar ou restaurar construcións, elementos etnográficos ou incluso aloxamento de persoas, iluminación, rutas, etc. En definitiva, axudas necesarias que nos fan máis atractivos para os visitantes”, remarcan
Dentro da edición deste ano do Aprol Rural, o importe que inxecta directamente o Executivo de Feijóo nas entidades locais desta demarcación supera os 196.000 euros, e permitirán a contratación de 21 persoas que se atopan en situación de desemprego. Estes novos contratados realizarán labouras relacionadas coa silvicultura, limpeza de montes, xestión da biomasa, entre outras actuacións.
Aprol Rural forma parte dunha medida activa de emprego dirixida á mellora da ocupabilidade das persoas sen un posto laboral. Os traballadores e traballadoras que se contraten terán que estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e a duración dos contratos será de 9 meses e a tempo completo.
“Este é un exemplo de como xestiona o PP cando goberna nas administracións. Prioriza o gasto, destinándoo a aquilo que máis se necesita. Unha das preocupacións dos nosos veciños é o emprego, polo que con este programa se dá un paso importante para aumentar as oportunidades laborais na nosa comarca. O emprego, xunto ao turismo, son sen lugar a dúbidas, dous campos necesarios nos que actuar, e o Goberno de Feijóo está a executar medidas que, cando menos, son de valorar”, remarcan.
As axudas ao detalle
Turismo: Friol (32.500 euros) e Guntín (42.437 euros)
Aprol Rural 2019: O Corgo (26.300 euros e 2 traballadores), Outeiro de Rei (52.088 euros e 6 traballadores), Friol (26.300 euros e 2 traballadores), Castroverde (26.172 euros e 2 traballadores), Guntín (26.300 euros e 2 traballadores), Portomarín (26.300 euros e 5 traballadores) e Rábade (13.150 euros e 2 traballadores).