Partido Popular de Lugo

Os populares de Trabada aseguran que a residencia de maiores “é fundamental” para o municipio

8, maio, 2019.O candidato do PP á alcaldía de Trabada, José María Fernández, asegura que “o Partido Popular de Trabada non está en contra da apertura e funcionamento da residencia de maiores”. É máis, “vemos fundamental e imprescindible a implantación deste servizo no noso municipio”.

 

O popular indica que “me vexo na obriga de aclarar a situación en torno á polémica que se está creando en torno á residencia para que os nosos veciños e veciñas, que son a prioridade da nosa candidatura, non se vexan enganados”. Fernández cre que “se non houbese eleccións á volta da esquina isto non pasaría; xa que a polémica interesa a quen está no goberno para debilitar e dalgunha maneira quitar confianza á nosa candidatura”.

 

Os populares de Trabada explican que “non presentamos ningunha denuncia nin traba” porque “queremos que o servizo siga adiante”. Nese senso, “recordamos que foi o anterior Goberno do PP no noso Concello o que impulsou a súa creación”.E incluso “está a disposición de quen o precise toda a documentación que demostra as datas”.

 

O alcaldable do PP en Trabada recorda, así mesmo, que “nesta última lexislatura co PP na oposición, o Grupo Municipal nunca votou en contra da súa apertura en ningún dos plenos tal e como demostran as actas; a pesar de estar en desacordo co convenio”. Fernández aclara que “o convenio actual é lesivo para os nosos veciños e veciñas; xa que o Concello debe facerse cargo de parte dos gastos cando no anterior convenio era a Deputación a que se facía cargo de todos”.

 

José María Fernández agarda que “non se engane aos trabadenses en relación a este tema” e que “nos centremos nesta campaña electoral en presentar programas e aportar ideasque procuren o ben do noso concello”. Esa é a liña na que traballamos dende o PP de Trabadaco obxectivo de “darlle un gran impulso ao Concello e sen entrar en polémicas”.

 

Os populares de Trabada agardan que “poidamos contar con este servizo esencial para o noso pobo” e aseguran que “o apoiaremos e potenciaremos”; pero rexeitan “que se utilice como arma arroxadiza na campaña enganando aos nosos veciños e veciñas”.