Partido Popular de Lugo

O Parlamento demanda á Xunta a contratación este ano dos proxectos construtivos e de impacto ambiental para desdobrar o treito A Pobra-Nadela da VAP entre Lugo e Monforte

Santiago, 8 de maio de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita que a Xunta inicie a contratación neste ano 2019 dos proxectos construtivos e de impacto ambiental do treito A Pobra de San Xiao-Nadela, a fin de avanzar de forma definitiva no total desdobramento desta infraestrutura, tendo presente o desdobramento futuro do tramo Sarria-Monforte, a abordar unha vez que se vaia materializando o tramo Sarria-Lugo. A deputada popular Julia Rodríguez salientou que a conversión en autovía da vía de altas prestacións entre Lugo e Monforte “acreditará un novo pulo ás comunicacións do interior de Galicia, a través dunha infraestrutura viaria esencial para avanzar no equilibro territorial e na igualdade de oportunidades dos cidadáns do sur desta provincia”.

 

Julia Rodríguez lembrou que a Xunta iniciou os traballos de desdobramento do treito de dez quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria porque é “onde se ten detectado que resulta máis necesaria a ampliación da capacidade e se trata dun tramo cunha orografía complicada, con pendentes pronunciadas que reducen a velocidade dos vehículos e diminúe considerablemente a posibilidade de adiantamento”.

 

NOVOS PASOS

 

“Deste xeito, a Xunta xa ten iniciado o pasado mes de febreiro o trámite ambiental desta primeira fase do desdobramento da vía de altas prestacións entre Nadela e Sarria, e a partir de aí, unha vez se incorporen as cuestións que os técnicos consideren oportunas, aprobarase definitivamente o proxecto de trazado e a información pública prevista para os meses de verán”, avanzou a deputada popular.

 

O obxectivo é que o Goberno galego licite este mesmo ano as obras de conversión en autovía do tramo da vía de altas prestacións entre A Pobra de San Xiao e Sarria, que suporá un investimento aproximado de 23 millóns de euros.

 

“Á vista desta clara aposta da Xunta polas comunicacións no sur de Lugo, desde o Grupo Popular queremos que se vaian dando novos pasos para continuar coa conversión en autovía de novos treitos”, sinalou Julia Rodríguez, polo que “propoñemos que o Goberno galego avance na redacción do proxecto de desdobramento do resto do trazado entre Nadela e Sarria neste ano 2019, a fin de ir efectuando os trámites administrativos necesarios que permitan materializar o antes posible a súa conversión en autovía”.