Partido Popular de Lugo

A candidatura do Partido Popular preséntase co obxectivo de “poñer a Burela no lugar de referencia que lle pertence na comarca da Mariña”

Burela, a 8 de maio de 2019.– A agrupación local do Partido Popular de Burela presenta a súa candidatura “para colocar a Burela en pleno século XXI”. O candidato popular á alcaldía, Manuel Rouco, asegura que se trata “dunha candidatura formada por veciños e veciñas cheos de ilusión e gañas de traballar polo seu pobo, que pretenden demostrar que os proxectos realistas, de presente e de futuro, son realizables cando o talento, a convicción e o esforzo dun equipo se poñen ao servizo dos feitos e non das promesas”.

Os veciños e veciñas de Burela que arroupan a Rouco nesta lista renovada, preparada e experimentada son: a enxeñeira de camiños, Yovana Oroza; o adestrador de fútbol sala, Javier Pardeiro; a supervisora de enfermería, Ana Álvarez; a arquitecta técnica, Natalia Álvarez; a diplomada en turismo Sonia López; o operario de ABSA, Félix Martins; os empresarios do sector pesqueiro, Miguel Díaz e Xusto Eijo; o empresario, Pepe Casas; a auxiliar de enfermería, Marina López e os xubilados, Fina Yáñez, Carlos Saa e Felicísimo Baño. A todos eles hai que sumar ao xefe de cirurxía do Hospital da Mariña, Alberto Ramos; e a estudante de Economía, Aitana Rodríguez.

Para a súa presentación, a candidatura do Partido Popular escolleu un lugar emblemático coñecido polos máis vellos do lugar como a “Igrexa de Coeda”, que figura dentro do seu programa de goberno para ser promovido como monumento natural. Nesta aposta clara para “deixar de ser o irmán pequeno do turismo na Mariña”, tal e como manifestou o candidato Manuel Rouco o día da súa presentación aos medios, tamén se prevé unha mellora na sinalización turística da vila ademais doutras moitas medidas.

“Esta é a candidatura que vai poñer a Burela no lugar de referencia dentro da comarca da Mariña que realmente lle pertence. Unha candidatura representativa do que é o pobo de Burela, que non esquece ningún dos sectores clave da vila, e que conxuga a preparación, as novas ideas e a experiencia. E todo isto amparado pola eficacia na xestión que representa o Partido Popular, o verdadeiro motor inversor durante todos estes anos desta localidade mariñá”, conclúe o popular.