7, maio, 2019. O candidato do PP á Alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez, salienta o traballo feito pola Xunta que vén de rematar a elaboración do proxecto técnico de ampliación da nova estación depuradora.
Así o llo confirmou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen tamén lle explicou que nos próximos días remitirán ao Concello o proxecto para requirir unha serie de documentación necesaria para seguir avanzando na tramitación desta obra. A intención da Xunta é presentar o proxecto nos vindeiros días, logo do remate dos traballos técnicos.
A administración autonómica cumpre así, destaca o candidato, cun dos compromisos adquiridos para a mellora das infraestruturas hidráulicas do municipio, á vez que continúa traballando na substitución do emisario que completaría toda esta iniciativa.
O candidato popular mantén unha serie de contactos coa intención de coñecer a situación de varios dos proxectos promovidos e comprometidos polo Goberno galego en Viveiro e, en concreto, tense interesado polos seus avances.
En concreto, Augas de Galicia saneará mellor a ría renovando a rede de sumidoiros en Celeiro-Area e a depuradora de Viveiro. En Celeiro instalará unha nova estación de bombeo, con depósito de retención, que conducirá as augas residuais ata o futuro pretratamento da depuradora.
A colaboración técnica e económica da Xunta dáse despois de que desde o propio Concello, administración con competencias na materia, recoñeceran que non teñen capacidade para acometer unha obra destas características sen o apoio da administración autonómica.
Desidia da alcaldesa
O PP lamenta que de novo a rexedora se sinta molesta coas xestións que realiza o candidato interesándose polas obras máis relevantes que a Xunta ten comprometidas co futuro e pregúntase o motivo polo que ela non está facendo o mesmo traballo. Óscar Rodríguez lamenta a súa desidia ante proxectos de máxima relevancia para Viveiro.