Partido Popular de Lugo

Luís Arias, nomeado presidente de Novas Xeracións de Quiroga que renova ao 100% a directiva local

7, maio, 2019. O estudante do grao de Enxeñería Forestal e do Medio Natural Luís Arias foi elixido novo presidente da agrupación de Novas Xeracións de Quiroga no congreso local no que se renovou ao 100% a directiva desta formación xuvenil. Adrián Rodríguez, que na actualidade oposita para Garda Civil foi nomeado vicepresidente e Adrián González, adestrador de fútbol base, secretario xeral.

 

A xunta directiva complétase cun total de 30 mozos e mozas cunha media de idade de 19 anos. Así, a formación xuvenil popular de Quiroga márcase como primeiro obxectivo “traballar con humildade e responsabilidade de cara ao vindeiro 26 de maio” para “conseguir o noveno edil do Partido Popular no noso Concello”.

 

O congreso local contou coa presenza de concelleiros populares, ademais do rexedor local e candidato do PP á alcaldía, Julio Álvarez, que puxo en valor “que aumente a familia popular no municipio” ao unirse xente nova que “permitirá garantir o futuro do Partido Popular en Quiroga”.

 

Rosa Arza da o relevo a “xente nova moi ilusionada”

A presidenta da formación local xuvenil nos últimos nove anos, Rosa Arza, deu o relevo explicando que se trata dun grupo de “xente moi nova que se amosa moi ilusionada por afrontar este novo reto no ámbito político”.

 

A popular, que preside a formación lucense de Novas Xeracións e foi recentemente elixida senadora pola nosa provincia, agradece a todos os compañeiros e veciños “a colaboración durante este tempo no que tiven a oportunidade de presidir a agrupación xuvenil no meu concello”.