Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro avanza que a Xunta retomará nos vindeiros días a obra de demolición dos galpóns e a ampliación da zona de aparcamento no porto vello

3, maio, 2019. O candidato popular á Alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez, informa de que nos vindeiros días a Xunta de Galicia ten previsto retomar a obra de demolición dos galpóns e acondicionamento dunha zona máis ampla de aparcamento no porto vello de Viveiro.

 

Óscar Rodríguez interesouse polos prazos que manexa o Goberno galego ao respecto desta actuación despois de que por un acordo entre a Xunta e o Concello se decidise atrasar o inicio da obra ata despois da Semana Santa para evitar así que se vise diminuída a superficie de aparcamento dispoñible.

 

O alcaldable valora este novo investimento da Xunta de Galicia en Viveiro, que conta cunha partida orzamentaria de 240.000 euros e un prazo de execución de dous meses. A obra permitirá a creación de máis de cen novas prazas adicionais de aparcamento.

 

En total, poranse á disposición da veciñanza de Viveiro e dos visitantes 335 prazas no peirao antigo, o que, segundo precisa o popular, “dá resposta a unha importante demanda dos veciños e beneficiará positivamente á nosa localidade en todos os ámbitos, tanto aos residentes, como aos que se acheguen ata a localidade, así como ao noso turismo e á dinamización de viveiro. Estamos a falar dunha zona que pasará a destinarse na súa totalidade a aparcadoiro público e gratuíto ao carón do centro histórico da cidade”

 

A obra

Os traballos comezarán polo baleirado das naves, retirada das uralitas e solo. Despois terá lugar a demolición mecánica dos galpóns, tratamento dos escombros, asfaltado e conexións eléctricas. A obra inclúe zonas de axardinamento, iluminación e conexión con servicios urbanos, nun espazo de 2.500 metros.

 

Falta de vontade do Goberno local

O PP de Viveiro tamén lamenta que o PSOE e a Alcaldesa estean “molestos polo interese que os populares teñen por facer seguimento e supervisión das obras da Xunta”. Neste senso, Óscar Rodríguez considera que “non entendemos que se critique o feito de dar a coñecer a licitación da mellora da estrada de Landrove cando esa información é pública e accesible para todos no Portal de Contratos de Galicia e só esixe un mínimo de traballo, de vontade e de seguimento que se ve non fan desde o Goberno local”.

 

Neste senso, o alcaldable asegura que “alcaldesa sabe ademais que desde a Xunta se así o precisa sempre están dispostos a facilitar calquera información ou reunión que soliciten, como aconteceu no recente acordo para o traslado da Escola de Idiomas, por citar o máis recente”.