Partido Popular de Lugo

Regueiro adianta que a Xunta licitará nos vindeiros días a mellora de tres estradas da Fonsagrada cun orzamento de 1,8 M€

1, maio, 2019. O candidato á alcaldía de A Fonsagrada, José Regueiro, adianta que a Xunta de Galicia licitará nos vindeiros días as obras de mellora de tres estradas do municipio por valor de 1,8 millóns de euros. Deste xeito, o alcaldable amosa a súa satisfacción por tal actuación, xa que o prazo de execución das obras será de seis meses e a previsión é que estean rematadas este mesmo ano.

 

“A Fonsagrada está na axenda política de Feijóo. Este anuncio é un exemplo clarísimo de que o Goberno galego aposta polo noso concello e atende as peticións que lle trasladamos, que son o que os veciños nos demandan”. Por tanto, “dende o PP, e como candidato á alcaldía, creo que debemos de poñer en valor a sensibilidade da Xunta de Galicia”, subiña.

 

O popular dá a coñecer estes datos, logo de que o propio delegado da administración autonómica en Lugo, José Manuel Balseiro, así llo trasladase nunha reunión que mantiveron nas últimas horas e na que máximo responsable da Xunta en Lugo confirmase ao candidato que os trámites están moi avanzados e no prazo aproximado dunha semana publicarase a licitación no portal público de contratación da Xunta de Galicia. Será na web Contratos de Galicia.

 

O obxecto da actuación consiste na execución do reforzo de firme localizado e reposición da sinalización horizontal nas estradas LU-701 e LU-703 e un reforzo do firme, mellora da drenaxe e defensas, reposición de marcas viais e mellora da sinalización vertical na estrada LU-740.

 

A intervención máis ambiciosa será a reforma integral da LU-740, que une o núcleo da Fonsagrada con Vilardíaz; destínanse 1,3 millóns de euros á extensión dunha nova capa de rodadura con mezcla asfáltica en quente en toda a lonxitude da estrada (17,6 quilómetros).

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade realizará tamén actuacións de rehabilitación do firme nas estradas que conectan con Asturias. A LU-701 comeza na capitalidade da Fonsagrada e ten unha extensión de 12,2 quilómetros, mentres que a LU-703 mide 8,7 quilómetros e parte de Barbeitos. Nestas estradas vanse realizar fresados localizados nos treitos máis deteriorados, con posterior reposición do pavimento con mestura bituminosa en todo o ancho do carril.