Burela, a 30 de febreiro de 2019.- O Grupo Municipal do PP de Burela asegurou hoxe que “Alfredo Llano, en contra do que se recolleu o pasado venres 26 deste mes, non ten asinado ningún tipo de contrato para a elaboración das bases que rexerán a licitación do proxecto de reforma do pavillón Vista Alegre, e non hai ningún prego de ningún tipo elaborado referido a esta actuación”.
Os edís do PP lembran que o pasado 14 de marzo presentaron un escrito solicitando documentación sobre este asunto, ao que non se lles contestou porque “non había nada de nada”. Reiteraron a petición de documentación o pasado 3 de abril, ao que se replicou o día 11 adxuntando dous correos electrónicos remitidos polo Burela Fútbol Sala ao Concello e cinco planos de planta e alzado.
Á vista das declaracións do alcalde do pasado 25 de abril, nas que fala de que a entidade local enviou documentación á citada entidade deportiva e ademais indica que xa hai un contrato asinado para a elaboración das bases que rexerán a licitación do proxecto de reforma do pavillón Vista Alegre, o día 27, sábado, o PP presentou un novo escrito de solicitude de documentación; escrito que aínda foi contestado onte, día 29.
Os populares indican, a este respecto, que “o escrito, asinado polo propio Alfredo Llano, adxúntanos só dous documentos: unha carta do presidente do Burela Futsal á Liga Nacional do día 22 de abril, e outra da Liga ao presidente do Burela Futsal na que considera válidas as actuacións propostas pero advirte textualmente que ‘Esta reforma, …, debe finalizarse antes del comienzo de la competición de la temporada 2019/2020’; do que deducimos que o Concello non se puxo en contacto coa Liga, en contra do que o propio alcalde indica nas súas declaración”, precisan.
Os edís do PP tamén engaden que “o socialista non nos remite ningún tipo de contrato, nin propostas de convenio con Xunta e/ou Deputación para conseguir financiación, nin expedientes de modificación de créditos para poder facer esta actuación e os contratos que dela se deriven…, é dicir, que non hai nada feito, e que a este paso o Burela Futsal deberá xogar fóra de Burela polo menos os partidos televisados na temporada 2019/2020”. A este respecto, sinalan que “postos a revisar, no portal de transparencia tampouco figura ningún tipo de contrato referido á reforma do Vista Alegre e, nas actas da Xunta de Goberno Local, tampouco se atopa recollido ningún tipo de acordo ao respecto”.
“A enésima mentira”
Dende es Grupo Municipal consideran que “esta é a enésima mentira, o enésimo engano, de Alfredo Llano á cidadanía de Burela. Anunciou o cambio de ubicación do mercado, a regulamentación do mesmo, un plan de tráfico, a regulación das terrazas, actuacións na traseira de Capitanía e no parque empresarial do Perdouro, o novo pavillón, agora a reforma do Vista Alegre, e non fixo nada de nada, nin ten nada iniciado. Isto demostra, apuntan, que a tendencia sistemática á falta de verdade do socialista podería considerarse algo patolóxico e obsesivo que, en todo caso, está repercutindo negativamente na nosa vila, porque nada se fai”.