30, abril, 2019. O Grupo Provincial do Partido Popular lamenta que ninguén asuma responsabilidades ante o espectáculo bochornoso que hoxe se viviu ao final do Pleno cun cruce de acusacións entre o presidente da Deputación, un dos deputados do PSOE e o deputado non adscrito.
Os populares consideran “incrible” que ninguén asuma responsabilidades ante un dos episodios máis reprobables e vergonzosos que se teñen vivido contra a imaxe da institución.
Consideran que o presidente non estivo á altura das circunstancias e que hai actitudes que “non son dignas” da institución á que pertencen na que esta tarde se verteron comentarios “completamente ofensivos”. Convidan así aos seus protagonistas a pedir desculpas a toda a cidadanía.
O PP considera reprobable e censurable que os deputados se insulten entre si e cheguen incluso a facerse cortes de manga nunha sesión plenaria na que están sentados os grupos que representan á cidadanía da provincia.
“Non só criticamos que se cheguen a dar estas situacións, completamente fóra de lugar, senón que ademais ninguén lidere o restablecemento das normas básicas de educación e de respecto”, precisan.