30, abril, 2019. A candidata popular á Alcaldía de Monforte, Katherinie Varela, afirma que o seu equipo traballa arreo para recuperar o apoio dos monfortinos para acadar a Alcaldía de Monforte.
Os populares recoñecen que os resultados na cidade do Cabe das pasadas eleccións xerais non cumpriron as expectativas do PP, polo que aseguran “tomar boa nota” da decisión dos veciños e veciñas.
“Os veciños e veciñas pronunciáronse e aínda que son eleccións diferentes, cremos que é o momento de dar o mellor de nós para recuperar a confianza da cidadanía”, precisa a candidata. Así, explica que a súa candidatura e o partido se puxeron mans á obra para ofrecer o mellor programa e o mellor proxecto de futuro para gobernar Monforte os vindeiros 4 anos.
“Os resultados, engade, motívannos para seguir traballando, explicar as propostas para sacar a cidade da parálise na que se atopa e conseguir ser o partido no que a maioría da cidadanía deposite a súa confianza”.
Con este obxectivo e co propósito de seguir adiante co proxecto dos populares, avanza a celebración dunha reunión da candidatura con afiliados o vindeiro xoves, día 2 de maio, na sede dos populares monfortinos, na Rúa Huertas, a partir das 20:30 horas. A esta reunións seguiranlle unha serie de encontros con afiliados, simpatizantes, asociacións e coa cidadanía de Monforte de cara a explicarlles o programa co que concorrerán ás eleccións.
Katherinie Varela anima a todos e todas os afiliados a participar para “seguir construíndo xuntos o futuro de Monforte”.