Partido Popular de Lugo

Cubillas: “A Xunta cumpre. No inicio do curso teremos un colexio totalmente reformado e de primeirísima calidade”

30, abril, 2019. “A Xunta de Galicia cumpre. No inicio do curso teremos un colexio totalmente reformado”. Deste xeito, o candidato á alcaldía de Láncara, Santiago Cubillas, amosa a súa satisfacción, logo do anuncio de licitación da reforma do centro por parte da administración autonómica, e que ascende a case 600.000 euros.

 

As obras desenvolveranse durante o verán, co fin de que este curso académico non se vexa alterado. Para o popular trátase, por tanto, dunha nova “excelente”, pois dá resposta á demanda das familias que teñen escolarizados os seus fillos neste colexio, pero tamén a dos profesionais que prestan o seu servizo no mesmo.

 

O alcaldable pon así en valor a vontade política e administrativa do Goberno de Feijóo respecto destas obras, xa que a súa execución levarase a cabo no período vacacional de forma que, no vindeiro curso, os rapaces xa disporán dunha centro “totalmente renovado”.

 

“Creo que debemos de estar satisfeitos do compromiso que a Xunta de Galicia ten demostrado con distintas actuacións no noso municipio. Cada pouco tempo temos investimentos novos e anuncios que non palabras, senón que son feitos e realidades”. Por este motivo, dende o Partido Popular de Láncara amosan o seu agradecemento, xa que, “o noso obxectivo é que os nosos veciños dispoñan de máis e mellores servizos e, neste caso, a comunidade educativa, faga uso dunhas instalacións de primeirísima calidade”, afirma.

 

Neste senso, engade que “seguiremos traballando” para traer novos investimentos a Láncara. “Aos veciños nos debemos. Por iso, esta actuación está, por riba de todo, pensada para eles. No PP temos unha enorme vocación do público. Estas obras son un bo exemplo”, insiste.