Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro lamenta que a alcaldesa non agradecera o compromiso de Féijoo e Ana Pastor co Museo da Semana Santa e pídenlle que rectifique

25, abril, 2019. O Partido Popular de Viveiro cualifica de pouco responsables as declaracións feitas pola alcaldesa Mª Loureiro con motivo das recentes visitas do presidente da Xunta e de Ana Pastor, presidenta das Cortes Xerais, á nosa cidade nas que trasladaron o seu apoio e compromiso para que a cidade teña o Museo da Semana Santa.

 

Os populares entenden que son dúas das persoas máis relevantes da política nacional, “que non só teñen a deferencia de estar en Viveiro con motivo da nosa Gran Semana Santa, senón que ademais viñeron comprometer a realización do tan desexado Museo da Semana Santa, algo demandado de forma especial pola candidatura do PP á Alcaldía de Viveiro, a Xunta de Confrarías e os veciños en xeral”.

 

Así, os populares convidan á alcaldesa a mostrar o agradecemento que estes compromisos requiren, agora que aínda está a tempo.

 

Precisan que desde o PP de Viveiro “estamos moi ilusionados co agradecemento mostrado pola Xunta de Confrarías e non cesaremos no noso empeño de que a nosa cidade poida gozar das demandas que necesita e situala en breve prazo de tempo no lugar que se merece”.

 

 

Un antes e un despois para Viveiro

O candidato á Alcaldía, Óscar Rodríguez, explica que “se a reacción ante un proxecto desta magnitude foi a súa, será difícil que si continúan gobernando, Viveiro poida gozar de outros moitos beneficios”.

 

Os populares advirten aos veciños desta reacción do PSOE e pídelles que se dean por enterados. “Como tamén agardamos que cando vaiamos anunciando o noso comprometido programa para os vindeiros catro anos saiban ver e valorar que despois do día 26 de maio Viveiro pode vivir un antes e un despois”.

 

“Nun municipio endebedado ata o máximo, como é o caso de Viveiro, é hora de levar a cabo outro tipo de xestión, unha administración de recursos escasos na que todos os viveirenses sabemos que as nosas necesidades tenden a ser atendidas por outras administracións ás que se debe tratar co consabido respecto institucional”, conclúe.