25, abril, 2019. O cabeza de lista ao Senado pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, reivindicou que “o PP é un valor seguro contra o paro” fronte ao PSOE “que volve despedirse do Goberno destruíndo emprego”. Así o recordou na cidade de Monforte de Lemos onde participou nunha visita ao Museo do Viño acompañado da candidata á Cámara Alta, Rosa Arza, e a alcaldable popular no municipio, a avogada Katherinie Varela.
Barreiro recordou que “o Partido Popular deixou España creando máis emprego ca nunca. No único trimestre no que gobernou o PP creáronse 469.900 postos de traballo que supoñen o 80% do emprego creado no último ano. Co PP, España lideraba a creación de emprego en Europa e encadeaba o período máis longo de incrementos sucesivos da contratación indefinida”. Pola contra, “con Sánchez o paro incrementouse en preto de 50.000 persoas no primeiro trimestre do ano 2019” sendo “a maior subida do paro rexistrada en 6 anos dende o inicio da recuperación económica no 2013. E non o digo eu; senón que así se reflexa dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) neste período”, aclarou.
Destrución de emprego e redución da poboación activa
O popular asegurou, nese sentido, que “a esquerda é incapaz de xerar políticas de éxito e desenvolvemento para o noso país. A pesar do incremento do emprego público, destruíronse 93.400 empregos durante o primeiro trimestre deste ano”. Así mesmo, a poboación activa cae en 43.500 persoas “como mostra do desánimo que comeza a aflorar pola política económica do Goberno que leva a moitas persoas a non buscar emprego”, recalcou.
O cabeza de lista ao Senado pola nosa provincia representando ao Partido Popular sinalou tamén que “con Sánchez aumenta o número de familias con todos os seus membros no paro en 36.000”. Deste xeito, puxo de manifesto Barreiro que “o legado de Sánchez é o legado que deixa sempre a esquerda: máis familias na rúa e unha economía máis débil”.
Pablo Casado comprométese a crear emprego
José Manuel Barreiro indicou que “a esquerda non sabe como facer que España medre”. É máis, “cada vez que estivo o PSOE no Goberno foi necesario que un Goberno do PP sacara adiante ao noso país. Agora de novo o Partido Popular conta cun proxecto liderado por Pablo Casado e baseado no aumento do dinamismo económico e na redución dos impostos que permitirá reactivar a economía”.
“Pablo Casado é o presidente que España precisa para crear emprego”. De feito, segundo continuou Barreiro, “comprométese a crear 2 millóns de postos de traballo na vindeira lexislatura”. Algunhas das medidas propostas pasarán pola simplificación dos trámites para que unha empresa poida crearse en 5 días, levar a cabo unha Ley de Armonización para la Unidad de Mercado que permita emprender de igual forma en calquera rexión aprobar unha Ley de Crecimiento Empresarial coa que eliminar obstáculos administrativos, fiscais e contables que impiden medrar ás PEMES; ademais de xerar un marco de confianza que atraia inversións e empresas.
Menos impostos
Igualmente, tal e como temos explicado ao longo desta campaña, “os populares imos levar a cabo unha revolución fiscal no Goberno que suporá unha rebaixa de 705 euros anuais por contribuínte”. Tamén “deixaremos o tipo máximo do IRPF por debaixo do 40% e o de Sociedades por debaixo do 20%; así como eliminaremos o impostos de Sucesións, Doazóns, Patrimonio e o de Actos Xurídicos Documentados”.
E, en relación aos desempregados de longa duración, Pablo Casado comprométese a que “non paguen impostos polos beneficios xerados nos dous primeiros anos tralo inicio dun negocio”; así coma a “estender 12 meses máis a tarifa plana para novos autónomos”.