Partido Popular de Lugo

De Olano e Barreiro: “Vamos a por todas, porque os feitos demostran que cando gaña o Partido Popular, gaña Lugo e Galicia”

22, abril, 2019. O candidatos lucenses ao Congreso e ao Senado, Jaime de Olano e José Manuel Barreiro, dirixíronse esta tarde aos centos de veciños e veciñas que participaron no mitin central do PP lucense, celebrado no auditorio da Facultade de Veterinaria: “pedímosvos que o próximo domingo vaiamos a por todas. Os feitos demostran que cando gaña o Partido Popular, gaña Lugo e Galicia”.

 

Tanto De Olano como Barreiro reforzaron que “o PP ten que gañar porque é a única alternativa para que Galicia e Lugo conten na folla de ruta do próximo Goberno”. Nesta liña, os populares defenderon que “o PP é o único valor seguro para a nosa provincia”. Advertiron que o próximo domingo “ou Pedro Sánchez continúa na Moncloa menosprezando a Galicia e aos lucenses ou o desaloxa Pablo Casado, listo para gobernar, cunha axenda clara, na que si están presentes Lugo e Galicia. Non hai outra opción”.

 

Unir o voto

“Xogámonos moito. Están no aire a estabilidade económica e territorial do noso país, a creación de emprego fronte ao paro, o mantemento das pensións fronte á súa quebra, en definitiva, a recesión fronte ao avance”, aseguraron. Por iso, para que o PP volva ao Goberno e “paremos o perigo que supón Pedro Sánchez, a única vía posible é unir no Partido Popular tanto o voto sensato e moderado como o de todos aqueles que non queren ao socialista”.

 

Os populares advirten de que “non vos confundan. Están a intentalo con vídeos mal intencionados. Calquera outra opción só manterá ao PSOE na Moncloa e iso non lle interesa nin a nosa provincia, nin ao país. Se votas a Ciudadanos ou a Vox, beneficias a Pedro Sánchez e reviviremos dun xeito máis acusado as políticas de Zapatero”. Polo tanto, “só hai un PP, só hai unha alternativa posible para poñerlle freo á etapa negra á que nos encamiña Sánchez. Se divides o voto, Sánchez quédase”, reforzaron.

 

O PP, valor seguro

“Somos un equipo forte, preparado, con experiencia. Sempre que saímos a gañar, acabamos gañando, e estamos convencidos de que entre todos o faremos de novo”, por iso, o domingo “todos sumamos, todos somos necesarios, farémolo, por Lugo, por Galicia e por España, para que esta etapa socialista, de castigo á nosa provincia, pase a historia”, alentaron. Os populares pediron que “non podemos ser cómplices de que no Estado se manteña un Goberno socialista que pretende quitarnos 63 euros a cada galego. Non debemos experimentar co voto a costa de que haxa máis impostos, menos emprego e máis débeda pública”.

 

“A historia demostra que co PP foinos ben. Fomos garantía para o emprego. Nas dúas etapas creáronse máis de 8 millóns de empregos. Sánchez en nove meses destruíu 135.000. Fomos nós os que subimos as pensións mínimas, as non contributivas e as de viuvez. Non foi Sánchez. Aos socialistas debémoslle primeiro a quebra do sistema de pensións e despois a súa conxelación”, aclararon. O PP tamén ten comprometido con feitos o seu apoio “ao noso rural, e ao seu futuro, polo que seguirá a buscar a igualdade de oportunidades e servizos”. Polo tanto, “sabemos facelo, porque xa o fixemos e xuntos volveremos a gañar”.